Conciertos 08/07/2019

Mañá xoves comezan as Sesións Matinais do 33º Festival Noroeste Estrella Galicia, que achegarán novidosas propostas de música independente ás rúas da Coruña no horario do aperitivo

by Victor Lamela

Este xoves 8 de agosto comezan as sesións matinais do 33º Festival Noroeste Estrella Galicia. As actuacións de Sala 5, Andhrea & The Black Cats, Dr. Spectro, Theta Waves, Los Árboles, Elvis Negro e Ladrillo y Mujer encherán mañá de música as rúas da Coruña nun horario aberto para todos os públicos, como é o do aperitivo. Así, desde as 12.30 horas, as propostas máis singulares e novidosa da escena independente galega, estatal e internacional chegarán ás rúas Torreiro, Capitán Troncoso e praza José Sellier Loup, nos espazos e horarios previstos segundo a programación.

O Festival Noroeste Estrella Galicia afronta mañá a súa terceira xornada de actividade musical. Por mor da choiva, e co obxectivo de garantir a celebración de todos os concertos programados, as actuacións da tarde e da noite previstas nas prazas de San Nicolás, Bárbaras e Castelo de Santo Antón trasladaranse ao Campo da Leña, praza da Constitución e Teatro Colón. No caso da Casa Museo Casares Quiroga e da Fundación Luis Seoane, as sesións musicais terán lugar no interior dos recintos municipais. 

O escenario do Campo da Leña, que acollerá as propostas musicais previstas inicialmente para a praza de San Nicolás, adiantará o inicio dos concertos ás 19.30 horas, para abranguer os concertos previstos pola organización nos dous espazos. Así, Los Vinagres (19.30 horas), Contenedor de Mierda (20.25 horas), Paul Collins Beat (21.20 horas), La URSS (22.25 horas), Jenny and the Mexicats (23.30 horas) e Toundra (00.45 horas) actuarán baixo a estrutura instalada desde o martes 6 na praza, na que se sucederán os concertos até a madrugada.

Na Casa Museo Casares Quiroga, ás 19.00 horas, comezará o concerto da cantautora Faia, cuxa actuación trasladarase do patio ao interior do propio recinto expositivo. Este mesmo dispositivo levarase a cabo na Fundación Luís Seoane, de xeito que as actuacións de Ruiseñora (20.00 horas) e de Músculo! (21.15 horas) desenvolveranse nas instalacións do propio centro de arte da Cidade Vella.

Outra das localizacións principais deste xoves será a praza da Constitución, na que se darán cita as bandas previstas no escenario da veciña praza das Bárbaras. O cantautor Santi Araújo será o primeiro en levar a súa música ao escenario, contra ás 20.30 horas. De seguido, o grupo coruñés Escuchando Elefantes fará un percorrido pola súa traxectoria a partir das 21.30 horas e, finalmente, ás 22.45 horas, o público poderá gozar do espectáculo de Mastodonte, o novo proxecto musical de Asier Etxeandía e Enrico Barbaro.

Pola súa banda, o Teatro Colón será o escenario no que teña lugar o concerto de Hailu Mergia, previsto inicialmente no Castelo de Santo Antón. 

UN FESTIVAL QUE AVANZA NO SEU COMPROMISO COA SOSTIBILIDADE COA PARTICIPACIÓN NO PROXECTO #DARALATA

Por outra banda, o Festival Noroeste Estrella Galicia acolle nesta edición o proxecto #daralata, unha colaboración do programa europeo Cada lata cuenta e Estrella Galicia que pretende concienciar á cidadanía sobre a importancia de dar unha nova vida a este tipo de envases, reciclando o máximo número de latas posible que se xeran na contorna dos festivais, co obxectivo de mellorar a sostibilidade nos eventos musicais que se celebran en Galicia. Así, durante o desenvolvemento do festival, os distintos escenarios contan con contedores amarelos especiais para este tipo de envase así como con persoas dinamizadoras do programa que recollen estes residuos para a súa reutilización.  

No marco deste proxecto, este xoves comezará na praia de Riazor a instalación da Pixelata, un mural realizado con latas recollidas durante a celebración doutras citas musicais de Galicia coma no Festival Noroeste Estrella Galicia, última parada do proxecto #daralata. As latas recollidas ao longo destes meses pintaranse e, xuntas, conformarán unha imaxe única. Esta obra de arte urbano nace co obxectivo de poñer en valor a importancia da reciclaxe dos envases en relación ao aforro de materiais e de enerxía na loita contra o cambio climático.


CANCELACIÓN DO CONCERTO DE MAC N’RONES

Por outra banda, o 33º Festival Noroeste Estrella Galicia lamenta a cancelación, por motivos alleos á organización, do concerto da banda coruñesa Mac N’Rones previsto para este venres, 9 de agosto, ás 13.00h, nas sesións matinais da rúa Capitán Troncoso. 

 

AXENDA DO XOVES 8 DE AGOSTO

12.30 horas. Sala 5 – Rúa Torreiro

13.00 horas. Andhrea & The Black Cats – Rúa Capitán Troncoso

13.15 horas. Dr. Spectro – Praza José Sellier Loup

13.30 horas. Theta Waves – Rúa Torreiro

14.15 horas. Los Árboles – Rúa Capitán Troncoso

14.30 horas. Ladrillo y Mujer – Praza José Sellier Loup

14.45 horas. Elvis Negro – Rúa Torreiro

19.00 horas. Faia – Casa Museo Casares Quiroga

19.30 horas. Los Vinagres – Campo da Leña

20.00 horas. Ruiseñora – Fundación Luis Seoane

20.25 horas. Contenedor de Mierda – Campo da Leña

20.30 horas. Santi Araújo – Praza da Constitución

21.15 horas. Músculo! – Fundación Luis Seoane

21.20 horas. Paul Collins Beat – Campo da Leña

21.30 horas. Escuchando Elefantes – Praza da Constitución

22.25 horas. La URSS – Campo da Leña

22.30 horas. Hailu Mergia – Teatro Colón

22.45 horas. Mastodonte – Praza da Constitución

23.30 horas. Jenny and the Mexicats – Campo da Leña

00.45 horas. Toundra – Campo da Leña

A %d blogueros les gusta esto: