Deportes 04/14/2019

María Rosario Figueroa e Dominic Pkemoi Cheronges gañan a VIII edición do Maratón Atlántica Coruña42

by Victor Lamela

A Coruña celebrou nesta xornada o VIII Maratón Atlántica Coruña42. O keniata Dominic Pkemoi Cheronges, cun tempo de 02:19:24, e a galega María Rosario Figueroa, cunha marca de 03:07:13, proclamáronse campión e campioa, respectivamente, da oitava edición da única proba oficial da distancia que se celebra en Galicia e que forma parte do calendario da Real Federación Española de Atletismo (RFEA).

Coruña42, organizada polo Concello da Coruña en colaboración coa Federación Galega de Atletismo, arrincou ás 08.30 horas da mañá. Máis de 490 persoas chegaron á meta nunha proba que percorreu o centro urbano da cidade así como o seu bordo litoral, e na que Hosea Kiprotich Rutto (02:19:58) e Carlos Costa (02:24:26) completaron o podio masculino, e María Rosa Romero (03:14:51) e Sara Pita (03:17:52) no feminino. O alcalde, Xulio Ferreiro, e o concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, participaron na entrega de trofeos.

Xunto ao Maratón Atlántica celebrouse, un ano máis, a proba popular 10K, que partiu ás 08.45 do Obelisco coa asistencia de máis de 1.120 persoas. Simón González Río (32:14) e Mónica Granero (39:02) entraron en primeira posición na meta que, ao igual que no caso do maratón, estivo situada na praza de María Pita. Precisamente nesta localización desenvolveuse un dos puntos da animación complementaria á cita deportiva, na que a compañía Circo Chosco ofreceu un espectáculo de artes circenses. No marco desta programación, tres grupos dos Locais de Ensaio municipais –Sala5, Theta Waves e Crimson and Clover– deron conta da súa música no Obelisco.

Todas as persoas que remataron o Maratón Atlántica obtiveron unha medalla finisher e contarán cun diploma acreditativo –un documento que tamén terán as e os participantes da 10K– que se poderá descargar, nos vindeiros días, do web ​www.coruna.gal/carreiraspopulares​. Ademais, enhttps://www.carreirasgalegas.com/resultados/viii-marat-n-atl-ntica-coru%C3%B1a-42-cto-de-galicia /ae1e00a9-6f7f-9c52-3f21-39e7bfc53dad​, pódense coñecer os resultados das dúas probas.

A %d blogueros les gusta esto: