coruna 23/11/2016

Medio Ambiente porá en marcha un proceso pioneiro de consulta, con empresas e cadros de persoal, de cara á elaboración dos pregos definitivos dos contratos de limpeza viaria e recollida de residuos

by Victor Lamela

A concelleira de Medio Ambiente, María García, reuniuse con membros do Sindicato dos Traballadores da Limpeza, que acudiron á xuntanza en representación do cadro de persoal das firmas que xestionan os contratos municipais de limpeza viaria e recollida de residuos, contratos que neste mandato serán renovados polo Goberno local. A responsable municipal explicou aos representantes sindicais que a intención do Concello é coñecer a opinión tanto das empresas do sector como dos e das traballadoras dos mesmos sobre os requirimentos que fará a Administración local nos novos pregos de contratación, antes de que estes sexan licitados. “Estamos levando a cabo uns estudos pormenorizados sobre a situación da cidade e a súa consideración como zona de especial densidade de poboación, de cara a aplicar uns modelos de limpeza e recollida de residuos específicos, segundo a zona e os e as produtoras”, comentou a edil. “En base a estes traballos queremos elaborar os pregos dos futuros contratos, non obstante, e antes de que os mesmos sexan definitivos, queremos levar a cabo o que se chama unha consulta de mercado”, destacou. Esta basearíase en que os pregos dos futuros novos contratos de limpeza viaria e recollida, antes da súa redacción final, e en base a criterios participativos, someteranse a un proceso de consulta destinado tanto ás empresas do sector como a outro tipo de axentes, por exemplo os sindicatos e representantes laborais. “Se o anterior Goberno tivera feito o mesmo cando redactou as bases de moitos outros concursos que deron lugar posteriormente a problemáticas laborais ou de xestión, moi seguramente que os e as traballadoras lles terían dito que os requirimentos era tecnicamente inasumibles”, puxo como exemplo García, quen salientou “que será a primeira vez que se leve a cabo no Concello un proceso semellante ante uns contratos destas características e tamaño”. Os representantes sindicais –cos que se manteñen xuntanzas de xeito periódico na Concellería de Medio Ambiente– acolleron de bo grado esta iniciativa municipal.

unnamed

Por outro lado, a concelleira tamén expresou o compromiso do Concello coa subrogación dos postos de traballo dos e das profesionais da limpeza e recollida de residuos. “O noso desexo é que os e as actuais traballadoras continúen traballando para todos e todas as coruñesas nos novos contratos que se abrirán no que queda de lexislatura. Apostamos de forma moi forte por unha nova e mellor xestión dos residuos, tendo especialmente en conta a importancia dunha correcta separación, por iso temos claro que non non sobra ninguén”, sinalou a titular de Medio Ambiente.

“Para unha correcta separación de residuos é fundamental, en primeiro lugar, a sensibilización cidadá e, en segundo lugar, buscar os métodos máis acaídos de separación e recollida segundo a zona da cidade e a súa situación. Por iso é necesario que para a elaboración destes pregos dos servizos tanto de limpeza como de recollida se analice e teña en conta o noso modelo de cidade”, conveu a concelleira.

Nostián

Por outro lado, a concelleira explicou aos representantes sindicais que o Concello vén de rematar a inspección que a pasada semana puxo en marcha na planta de reciclaxe de Nostián de cara a garantir e comprobar se se están a cumprir as condicións técnicas estipuladas, así como os requirimentos necesarios en materia de seguridade laboral. A citada inspección durou cinco días, e agora avalíanse os seus resultados. A titular do departamento de Medio Ambiente indicou que nestes días, ademais, o Goberno local porase en contacto cos actores implicados nesta situación, tanto os e as traballadoras das empresas contratadas como as mesmas. García explicou que non se descartan novos procesos de inspección. “Seguiremos recabando información, e, se nalgún caso, tivesemos coñecemento de que non se están a realizar as cousas segundo o estipulado nos pregos de contratación, ou que os e as traballadoras non teñen garantizada a súa seguridade laboral de forma correcta, pediriamos responsabilidades de inmediato ás firmas adxudicatarias”, advertiu.

A %d blogueros les gusta esto: