coruna 23/09/2020

Miradas Inalterables, a fotografía de retrato do século XIX na Coruña

by Victor Lamela

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, presentou na Sala de Exposicións do pazo municipal a exposición “Miradas inalterables”, xunto cos comisarios da mostra, Mariola Suárez e Jaime Oíza.

A exposición, que se pode visitar desde hoxe e até o vindeiro 29 de novembro, fai un estudo detallado dos gabinetes fotográficos da nosa cidade durante o século XIX, desde os fondos e coleccións do Arquivo Municipal da Coruña.

A rexedora sinalou que a mostra “pretende dar difusión a unha parte do rico patrimonio documental que custodia o Arquivo Municipal, homenaxear aos doantes que axudaron a conformalo e dar a coñecer unha parte importante da nosa historia” e, explicou, que “para iso editouse un catálogo da exposición que conta con dous estudos: un escrito polos comisarios e outro do que é autor Alfredo Sellier”. Rey apuntou que “tan necesario é conservar o patrimonio documental como amosalo, queremos que a nosa cultura se amose a toda a cidade e que mellor sitio parafacelo que nesta Sala de Exposicións do Concello, que é a casa de todos e todas”.

A mostra consta de 131 fotografías orixinais en distintos formatos, representativas dos principais gabinetes da cidade: retratos de homes, mulleres e nenos, individuais e en grupo. Tamén, un conxunto de obxectos ata completar cas 180 pezas, entre as que caben destacar miniaturas e daguerrotipos, ademais de pezas da época. A exposición contextualiza física e cronoloxicamente catro reproducións fotográficas das rúas da Coruña e dúas grandes vistas da cidade que enmarcan este período, o século XIX.

A %d blogueros les gusta esto: