Ayuntamiento 04/01/2019

Moción do grupo de goberno Coruñes na que insta ao goberno central a unha revisión do proxecto de Estatuto para as Electrointensivas

by Victor Lamela

O Pleno ordinario deste mes de abril deu luz verde a unha moción do grupo de goberno na que insta ao goberno central a unha revisión do proxecto de Estatuto para as Electrointensivas “que realmente afonde e concrete nas medidas para a creación dun marco estable e garantista do mercado enerxético, dotándoo dun prezo certo a medio prazo e dun sistema equiparable ao utilizado polos principais países europeos produtores, como Francia e Alemaña”. A iniciativa foi aprobada cos votos a favor do grupo de goberno e o BNG e a abstención do PSOE e o PP. Segundo manifestou o concelleiro de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, esta revisión “será fundamental para atopar unha resposta á problemática que ten que afrontar o cadro de persoal de Alcoa”. De feito, e ao fío do apoio aos e ás empregadas da planta coruñesa, a moción tamén condena de forma expresa a actuación policial do pasado 28 de marzo contra a manifestación dos e das traballadoras en Madrid que, de xeito pacífico, reclamaban o mantemento dos seus postos.

O acordo plenario contempla igualmente “propor unha reforma efectiva do servizo de interrompibilidade que o dote de utilidade e o achegue aos seus homólogos europeos, en particular, á relativa ao desenvolvemento e integración no mercado dos servizos de xestión da demanda, eximindo as industrias electrointensivas do pagamento do servizo de interrompibilidade”. A maiores, o concelleiro salientou a importancia de que o proxecto de estatuto para as electrointensivas tamén sexa revisado dende un punto de vista ambiental, “xa que é preciso dar pasos encamiñados aos procesos de transición enerxética, vinculando exencións fiscais á implementación de medidas de eficiencia”. Habilitar o dereito ás compensacións dende o punto de vista fiscal e dos descontos por peaxe, así como asegurar que as industrias beneficiarias das medidas de apoio contempladas no estatuto garantan, a longo prazo, o seu compromiso co mantemento do emprego e a recuperación da actividade económica do país son outras das reclamacións contidas na moción. “Esta moción dá mostra do compromiso desta Corporación coa situación dos veciños e veciñas da cidade afectadas directamente pola situación de Alcoa. Ademais da necesaria mellora do proxecto do estatuto das electrointensivas demandamos ao goberno central máxima transparencia e máxima cooperación institucional no que ten que ver coas empresas e fondos interesados na planta de Agrela”, indicou o edil. O acordo acadado esta xornada será trasladado a todos os grupos con representación do Parlamento de Galicia e nas Cortes Xerais do Estado co obxectivo de que se manifesten no mesmo sentido.

A %d blogueros les gusta esto: