Uncategorised 20th junio 2018

Mozas e mozos debuxan ás mulleres pioneiras nunha das iniciativas do premio Luísa Villalta da Deputación da Coruña

by Victor Lamela

Máis de 250 foron as ilustracións elaboradas por mozos e mozas de centros educativos relacionados coas artes que participaron no concurso para a elaboración do Catálogo Ilustradas, posto en marcha por Promove, Consultoría e Formación SLNE, proxecto galardoado cun dos premios Luísa Villalta de proxectos culturais pola igualdade, convocados pola área de Cultura e Igualdade da Deputación da Coruña. Este venres entregaranse os premios na sede da institución nun acto en que tamén se presentará o catálogo.

Alumnas e alumnos de centros de ensino de Santiago de Compostela, A Coruña e Ferrol recibirán este venres o premio pola súa participación no Concurso Catálogo Ilustradas no que se recibiron máis de 250 ilustracións que retrataban mulleres pioneiras en distintas disciplinas.

Un xurado composto por representantes dos centros participantes, escolleu as obras gañadoras das recibidas desde os centros de bacharelato e FP relacionados coas Artes Plásticas da provincia da Coruña, concretamente: o IES Plurilingüe Adormideras, IES Salvador de Madariaga, IES Praia de Barraña, IES de Sar, IES Antonio Fraguas, IES Concepción Arenal, IES Carballo Calero e a EASD Pablo Picasso. O xurado seleccionou ás cinco persoas e ilustracións premiadas do concurso, así coma o resto de obras que formarán parte do Catálogo.

O concurso Catálogo Ilustradas, posto en marcha por Promove, Consultoría e Formación SLNE, é un dos proxectos galardoados no I Concurso de ideas “Luísa Villalta” de proxectos culturais pola igualdade, organizado polas áreas de cultura e igualdade da Deputación da Coruña que dirixen Goretti Sanmartín e Ánxela Franco, e consiste na elaboración dun Catálogo elaborado polo alumnado dos centros educativos da provincia da Coruña, especificamente os relacionados coas artes plásticas, co fin de favorecer a reflexión entre a mocidade participante no concurso, a través dunha actividade motivadora e atractiva ademais de implicar directamente ao alumnado e convertelo en xerador dun recurso (as ilustracións), como base da sensibilización sobre a importancia de coñecer e recoñecer o traballo de mulleres importantes ao longo da historia.

O catálogo Ilustradas pretende ser unha homenaxe e recoñecemento a moitas mulleres, de diversas disciplinas, en moitos casos descoñecidas, que forman parte da nosa historia.

A %d blogueros les gusta esto: