Conciertos 04/16/2019

Nathy Peluso, Soleá Morente e Holly Miranda, novas confirmacións do Noroeste Estrella Galicia 2019

by Victor Lamela

O 33º Festival Noroeste Estrella Galicia da Coruña desvelou está mañá novas confirmacións para este 2019. Nathy Peluso daralle a réplica a Patti Smith and Band sobre o escenario da Praia de Riazor o venres 9 de agosto, no que é o seu único concerto programado para este verán en Galicia. Mentres, Soleá Morente encherá o Castelo de Santo Antón de elegancia pop e espontaneidade flamenca, un espazo onde o público tamén poderá gozar dos sons intimistas da cantautora prodixio estadounidense Holly Miranda.

Ao 33º Festival Noroeste Estrella Galicia na súa versión expandida por enclaves singulares da Coruña sumaranse, ademais, Jenny and the Mexicats -a golpe dunha atractiva fusión de ritmos latinos con sons coma o jazz, o rockabilly, o folk, o flamenco e o reggae- e Andhrea & The Black Cats, que regresa co seu blues de raíz e cunha nova incorporación na súa formación: a tuba. Las Antonias e Vudú, que en 2018 tiveron que cancelar as súas actuacións no festival por mor da choiva, estarán presentes tamén nesta nova edición do Noroeste Estrella Galicia.

O 33º Noroeste Estrella Galicia celebrarase do 6 ao 11 de agosto de 2019, coa mesma filosofía urbana, ecléctica e de calidade dos seus últimos catro anos. Na súa pasada edición, o festival rexistrou preto de 90.000 asistentes e un 72% de cota feminina nun cartel con máis de 85 bandase artistas programadas. Este ano repetirá as súas máis de 150 horas de música ao vivo sobre escenarios singulares repartidos por toda a cidade, para consolidarse de novo como unha cita única e de referencia do verán peninsular.

BIOGRAFÍAS DAS BANDAS E ARTISTAS DO 33º FESTIVAL NOROESTE ESTRELLA GALICIA

ANDHREA & THE BLACK CATS. Gañadores do VI Concurso da Societat de Blues de Barcelona, Andhrea & The Black Cats leva percorrendo Galicia e parte da península desde 2012. Do Festival de Blues de Benicassim (2016) ao Sweet Cotton Festival (2018), miles de persoas gozaron dos seus directos cargados de proximidade e dunha atmósfera colmada de complicidade, harmonía e ritmo. O repertorio desta banda compostelana supón un repaso pola historia do blues e da música de raíz, unha viaxe na que se traslada ao público a outra época a través das historias narradas no seu momento polos autores máis clásicos e cuxo trasfondo, na maioría dos casos, segue a ter presenza hoxe en día. Agora preséntannos a súa nova formación, coa incorporación da tuba, dotando os seus directos dun carácter que recorda á vella Nueva Orleans, sen abandonar o seu particular “blues viejuno”.

HOLLY MIRANDA. A cantautora norteamericana Holly Miranda naceu entre Detroit e Nashville, dúas cidades con grande peso musical que terían unha influencia moi profunda na súa propia aventura artística. Comezou a tocar o piano á idade de 6 anos, aprendeu de maneira autodidacta a tocar a guitarra aos 14 e mudouse a Nueva York aos 16 para comezar a súa carreira profesional. Durante casi 20 anos, Holly estivo actuando, escribindo e producindo xunto ás figuras máis importantes da industria. Tocou con xigantes como Florence And The Machine, Karen O, Lou Reed, The XX ou Lesley Gore. Sacou dous discos xunto á súa banda The Jealous Girlfriends, toca a batería con Scarlett Johansson en The Singles e coescribiu e produciu un bo puñado de outros proxectos. En 2018 sacou o seu terceiro disco, Mutual Horse, co sello Dangerbird Records, e visitou Europa para presentalo. No álbum colaboraron Josh Werner (Dr. John, Lee Scratch Perry), Jared Samuel (Yoko Ono), Jim Kirby Fairchild (Grandaddy, Modest Mouse), Kyp Malone (Tv On The Radio), Maria Eisen (Underground System) e Matthew Morgan (Built to Spill, Modest Mouse), entre outros.

JENNY AND THE MEXICATS. Jenny and the Mexicats é unha fusión de nacionalidades e personalidades únicas, unha banda multicultural e ecléctica que reúne a Jenny (inglesa), Icho e Pantera (mexicanos) e David (español), para crear perfectos ritmos de jazz, rockabilly, folk, flamenco e reggae, que aderezan con cálidas sonoridades latinas, levándonos nun instante de México a Xamaica e de Londres ao Caribe, nun exótico circuíto desposuído de prexuízos. Jenny and the Mexicats teñen moitos quilómetros ás súas costas, cunha xira mundial por catro continentes, e agora chegan ao Noroeste Estrella Galicia para presentarnos Mar adentro, o seu terceiro LP, un disco que conserva o sonido Mexicats, metade en castelán, metade en inglés, e no que se atreven a xogar con novos estilos como o merengue. Con Jenny como frontwoman, a banda desprega os seus encantos enriba de cada escenario, facendo un directo para que todos, sen excepción, saian a bailar.

LAS ANTONIAS. En 2015, na Sala Mardi Gras coruñesa, dúas amigas deciden devolverlles ás cancións de toda a vida o empoderamento das mulleres. Elas eran Antonia Lee (Ana Lee) e Antonia Colores (Mamen Bazarra). Así nacen Las Antonias, que en 2018 crecen coa incorporación de Antonia Pentagramas (Elena García-Fresca), Antonia A Feira (Sabela Caridade) e Sam Antonio (Jota Romero). Comulgando sen reparos, transmitindo nutrientes, filtrando substancias nocivas e fabricando hormonas a ritmo dunha escena obscenamente risueña, este particular quinteto sobe ao escenario versións propias de temas clásicos, con letras cambiadas e arranxos en clave de humor. Un toque de cabaret forma parte tamén dun espectáculo transgresor, cheo de diversión e reivindicación. O primeiro traballo de Las Antonias, Boleros e outras delicias, é un disco para gozar e rir en directo. Un espectáculo que destripa boleros, tangos e outras delicias ao berro reivindicativo de “Todos somos  Antonias!”.

NATHY PELUSO. Esta artista arxentina de sangue italiana e querencia cubana chega no momento xusto. Dotada dun talento vocal extraordinario e dunha intuición musical aventaxada, cita a Celia Cruz coma unha das súas indispensables, pero tamén a Etta James, Nina Simone, Chet Baker ou ao Chayanne de Fiesta en América. Afincada desde os dez anos en Madrid -agora ten 24-, os seus pais fuxiron da complicada situación económica do seu país. En todo este tempo, a súa educación sonora fraguouse escoitando “cantidades masivas de música” para logo levalas ao seu terreo. Terreo que é o xénero urbano, as historias, a rúa e as relacións persoais baixo esa etiqueta chamada trap pero que a ela, definitivamente, quédalle máis que pequena. O seu último traballo, La sandunguera, publicado en abril de 2018, dá conta disto. Seis temas en inglés e en español onde salda a súa débeda coas músicas negras: jazz vocal, rhythm and blues, hip hop, ritmos caribeños… todo aquilo de onde procede. Porque, faga o que faga, parece que nada se lle resiste.

PATTI SMITH AND BAND. Nada en Chicago en 1946, Patti Smith mudouse a Nova York en 1967, cidade na que coñeceu a Robert Mapplethorpe, fotógrafo responsable da portada do seu primeiro e icónico traballo Horses. Editado en 1975, Horses está considerado como un maiores e máis influentes álbums da historia do movimento punk-rock americano. A obra, que tamén marcou a transición do clásico rock ao punk, é igualmente citada como unha influencia fundamental de sucesivos xéneros coma o punk-rock, o post-rock e o rock alternativo. A polifacética artista, aclamada universalmente como “madriña do punk”, traza un sólido camiño en cada vertente cultural que decide experimentar. Poetisa, cantante, fotógrafa, escritora e compositora, Patti Smith gañou en 2010 o National Book Award estadounidense co seu libro de memorias Just Kids. Ademais de membro do Rock and Roll Hall of Fame, a gran poetisa da música norteamericana foi condecorada co título Commandeur des Arts et des Lettres polo Ministerio de Cultura Francés. Asimesmo, grazas á súa entrega e dedicación ao universo cultural, a artista recibiu innumerables premios honorarios e homenaxes ao longo da súa lonxeva carreira, que abarca máis de catro décadas.

SOLEÁ MORENTE. Elegancia pop, espontaneidade flamenca. Soleá Morente ven de presentar en marzo o seu segundo disco, Ole lorelei, unha deliciosa combinación de estilos dominada polas súas raíces. Unha colección de pequenas xoias e xoias non tan pequenas a medio camiño entre a música popular e o flamenco. A filla mediana de Enrique Morente e a bailaora Aurora Carbonell oscila entre un e outro estilo para pechar un álbum máis ecléctico que o seu anterior Tendrá que haber un camino (2015), que fora o seu debut en solitario. O tema Ya no solo te veo a ti, xerme deste novo disco, foi a culminación dunha colaboración pospuesta durante anos: a de Soleá Morente con Alonso Díaz, de Napoleón Solo. E o resultado deslumbrou a ambos: a filla do mito do cante e a figura emerxente do indie granadino. Nesa canción xurdiu un entendemento estable que convertiu a Alonso en produtor deste segundo álbum de Soleá e, tamén, en colaborador destacado na maioría das súas cancións e artífice dese punto de sofisticación que envolve o universo netamente flamenco que corre polas veas da artista. Non é simple indie o que respira Ole lorelei, en absoluto. O seu estilo viaxa do funk con aires de Serge Gainsbourg e Jane Birkin, ao setentero R&B de artistas como Las Grecas, ou detense nos autotunes do trap, que incorpóranse a unha soleá de Bernarda de Utrera con toda naturalidade. Hai moito tempo que o flamenco ten vida propia, pero a mediana dos Morente non renuncia a buscarlle novas rutas. Hai no seu segundo traballo unha curiosa tensión que emana da súa propia dualidade. Dous estilos supostamente afastados contáxianse entre si: por un lado, avanzan os temas pop empapados de cante e, por outro, o cante contaminado de pop.

VUDÚ. O dúo feminino Vudú, formado por Belém Tajes -teclado e voces- e Maritxinha -baixo e loops-, traen ao Noroeste Estrella Galicia letras chegadas da música tradicional galega con sons soul e R&B. Con influencias de musicos como Marful, Carmen Rey, Xabier Díaz, Erykah Badu, Nik West ou Stevie Wonder, fan unha música íntima e elegante para grandes e pequenos momentos. A banda naceu na Coruña en 2016, un ano despois de gravar nos estudos coruñeses Bruar un primeiro EP en formato cuarteto, co que gañan o premio á mellor canción en Galego por Eu son VooDoo no certame Música Xove de Compostela. En 2017, xa en formato dúo, gañan o Premio Martín Códax da Música galega na categoría blues / funk / soul, consolidándose no seu estilo e buscando novas fórmulas de directo. Tras publicar un segundo EP, no inverno de 2018 presentaron o seu primeiro disco, Vudú Vol III, onde inclúen letras do cancioneiro tradicional galego coas harmonías da música negra que tanto lles define.

O NOROESTE ESTRELLA GALICIA, UN FESTIVAL URBANO ÚNICO QUE CELEBRA A SÚA 33ª EDICIÓN

Como cada ano, A Coruña transformarase en agosto para acoller unha nova edición do Festival Noroeste Estrella Galicia. Este 2019, o festival celebrarase do 6 ao 11 de agosto e contará con máis de 80 bandas e artistas que inundarán cos sons máis eclécticos todos os recunchos urbanos da cidade.

O Festival Noroeste Estrella Galicia é unha cita musical única en España, que ofrece un programa atractivo de concertos gratuítos ao aire libre e que cada ano reúne unha media de 60.000 persoas. Considerado como un dos eventos musicais máis imprescindibles do verán no norte peninsular, o Noroeste está organizado polo Concello da Coruña e conta coa colaboración especial de Estrella Galicia. Un ano máis, o Noroeste Estrella Galicia apostará non só por grandes nomes internacionais, senón tamén polas novas promesas que pisan forte e polas bandas locais e galegas con moito que dicir enriba dun escenario, coa fin de ser de novo o reflexo dunha cidade moderna e fundamentalmente musical. Da súa man, A Coruña abrirase a novos camiños, a novas maneiras de facer e de mirar, consolidándose coma un reclamo de turismo experiencial, contemporáneo e singular.

Fiel á filosofía que ven caracterizando ao festival nas súas últimas edicións, o Noroeste Estrella Galicia manterá en 2019 o seu carácter urbano con escenarios repartidos por toda a cidade, para ofertar ao público novas experiencias e outras formas de interactuar coa xente a través da música. Asimesmo, o Noroeste Estrella Galicia repetirá a súa aposta por ofrecer ciclos de programación para todo tipo de públicos a diferentes horas do día e da noite. Na súa 33º edición contará de novo con sesións matinais (para ampliar a experiencia da cidadanía tamén no mediodía, da man de bandas con pegada da escena galega e estatal) e o Ciclo Selección Noroeste (con directos exclusivos en teatros e recintos a cuberto da cidade). O Mercado da Colleita, de Hijos de Rivera, celebrarase tamén durante a fin de semana.

O Concello da Coruña e Estrella Galicia continúan a súa colaboración un ano máis trala firma en 2016 dun convenio institucional relativo á programación cultural que se pode gozar na cidade e que ten como máximo expoñente ao Noroeste.

 

A %d blogueros les gusta esto: