coruna 17th mayo 2019

“Non asumimos cartas de defunción para o galego”

by Victor Lamela
“Non asumimos cartas de defunción para o galego. Non moramos no conformismo indolente para co seu non futuro. Por iso amplificamos o volume do noso idioma en cada uso, en cada conversa, en cada anotación escrita, en cada nova falante moza; e en cada xeración lingua e fala nacerán e envellecerán xuntas. Agora tócanos a nós”, dixo Mercedes Queixas Zas, a número 3 da candidatura do BNG na Coruña, na presentación do acto de Lectura Pública de textos da literatura galega organizado polas nacionalistas ás portas do Teatro Rosalía de Castro, e no que estivo acompañada pola maior parte da lista do BNG, que xa pola mañá acudira ao roteiro de Queremos galego!.
“Agora tócanos a nós”, insistiu Mercedes Queixas na defensa e reivindicación da lingua que o Bloque manterá no seu labor municipal, e tal e como se comprometeu Francisco Jorquera estes días, as nacionalistas teimarán polo cumprimento do mandato do pleno para acordar a ordenanza de impulso do galego no propio Concello.

“Fagamos lume. Teñamos o valor de darnos o futuro. A Coruña é Cidade Creativa, Cidade Modelo Cultural, na voz das súas letras, das súas escritoras e escritores, das súas editoras e librarías, que a converten na nosa Cidade de Libro”, alentou Queixas Zas. As nacionalistas avanzan unha política lingüística ambiciosa nun programa electoral no que propoñen, entre outras medidas, “a creación dunha rede local de normalización lingüística” que atenda á participación de diferentes colectivos interesados; “a inclusión de cláusulas lingüísticas nas concesións e contratacións públicas”; e a garantía, “cando menos, o 50% da presenza do galego en toda a actividade das escolas infantís municipais” e procurando a fórmula para garantir unha oferta mínima dunha liña íntegra na nosa lingua.
“Precisamos renacer no apego á nosa lingua e deixar atrás este Tempo fósil do retrato lírico de Pilar Pallarés. E para cada paso adiante noso unha lembranza de compromiso con quen antonte e onte fixo a sementeira que hoxe somos”, dixo Mercedes Queixas antes de rematar cunha cita de Antón Fraguas: “A miña modesta obra non é máis que un pequeniño gran de area no montón que foron facendo todos aqueles que, de moi distintas maneiras e cadaquén ó seu xeito, traballaron ó longo dos anos, traballan agora e seguirán traballando arreo no futuro, sempre desinteresadamente, non máis que polo ben de Galicia. Por amor á nosa Terra”.
O Bloque comprometeu ademais durante esta campaña apoiar desde o Concello ás entidades que procuren a normalización da nosa lingua; así como a galeguización da sinaléctica dependente do Concello, e o “desenvolvemento de iniciativas de dinamización cultural e lingüística con entidades e institucións de países pertencentes ao tronco común do galego-portugués”.
A %d blogueros les gusta esto: