coruna 06/11/2016

O alcalde avanza no encontro participativo ‘Dillo ti’, no centro cívico de Monelos, a licitación do proxecto de carril bici entre Matogrande e A Palloza, así como “a posta en marcha de actuacións de rexeneración urbana no barrio”

by Victor Lamela

O alcalde da Coruña, e o resto de concelleiros e concelleiras do grupo de Goberno participaron nunha nova edición dos encontros coa veciñanza Dillo Ti, que tivo lugar no Centro Cívico de Monelos. Na mesma, o rexedor avanzou distintas actuacións en materia tanto de rexeneración urbana como de mobilidade sostible que se levarán a cabo na zona, “e que influirán non só no barrio, senón en toda a cidade”. Neste punto, destacou que o Executivo municipal sacará en breve a licitación a redacción do proxecto de carril bici entre Matogrande, Salvador de Madariaga, Catro Camiños e a Palloza, co obxectivo de iniciar as obras o vindeiro exercicio. Trátase, segundo recordou o responsable municipal, dunha medida “de grande importancia e calado” dentro das políticas que está a poñer en marcha o Goberno local de cara a favorecer un transporte sostible que, ademais, axude a aliviar a densidade de tráfico da cidade. “Este carril bici conectaría co da Universidade”, indicou Ferreiro, quen recordou que é necesario “facer políticas en clave metropolitana, porque esta cidade xa é máis grande que o seu propio concello e hai que ir máis alá, e pensar en común”. “Este será un ano clave para a cidade, no que apostaremos pola accesibilidade no espazo público, pola mobilidade sostible, o transporte público e o carril bici e en traballar para ir transformando os barrios en zonas máis confortables”, subliñou. Ademais, o mandatario comentou outra serie de actuacións en materia de accesibilidade que porá en marcha a Concellería de Rexeneración Urbana. “A principio de ano sacaremos a concurso unha serie de actuacións, como unhas rampas entre a zona de Salvador de Madariaga e Camilo José Cela, de xeito que facilitemos unha mellor conexión accesible a veciñanza do Barrio das Flores”, indicou. Ao fío, o responsable de Rexeneración Urbana, Xiao Varela, engadiu que “abordaranse outras intervencións no barrio”, entre as que destaca –á marxe do carril bici– a construción de beirarrúas de Salgado Torres, así como a habilitación dun paso de peóns á altura da rotonda “para dar permeabilidade ás dúas marxes”. Unha serie de actuacións que irán da man dun proceso máis amplo de rehumanización da zona, que incluirá o asentamento de arborado. Á marxe tamén se proxectan traballos de reparación e ampliación da beirarrúa á altura do cruce dos Belés, así como a reconstrución de beirarrúa no camiño da Igrexa de Oza. “Temos que ir transformando pouco a pouco esta cidade, favorecer aos peóns e tratar, na medida do posible, de liberar de automóbiles a nosa cidade”, insistiu o alcalde, quen tamén recordou o compromiso ao que o Concello chegou co Ministerio de Fomento para levar a cabo a pasarela de Pedralonga. “En todo o proceso de negociación polo tema da rehumanización da Vedra acordouse abordar esta actuación de forma prioritaria e á marxe da negociación do resto do proxecto da avenida, porque entendíamos que é unha necesidade para o barrio”, explicou, recordando que a actuación depende do Goberno central.

unnamed

Por outro lado, o concelleiro de Rexeneración Urbana adiantou que, no proxecto orzamentario do ano que vén, se contempla unha partida de preto de medio millón de euros destinada a ampliar o contrato de mantemento das zonas infantís da cidade. “Esto incluirá a súa reparación e modernización, así como a dos espazos de xogo dos centros educativos”, comentou o edil, que salientou, ao fío, a actuación de ampliación prevista na zona na praza de Isaac Díaz Pardo, na zona de Pablo Picasso –proxecto que conta cun investimento de 371.000 euros que xa está en licitación–, na que tamén se actuará sobre a zona de xogos.

Noutra orde de asuntos, a concelleira de Xustiza Social, Silvia Cameán, amosou o compromiso do Concello coas reivindicacións dos pais e nais do centro educativo Ramón de la Sagra, que amosaron a súa preocupación polas obras que a administración autonómica desenvolve de forma coincidente coa etapa lectiva, e que esta mañá solicitaron, durante o encontro, a mediación do Goberno local neste conflito, de cara a garantir a seguridade das e dos alumnos durante os traballos. “Son obras que dependen da Xunta de Galicia e nas que non temos competencias, non obstante, desde o Concello xa solicitamos información á autoridade educativa e seguiremos a demandala, aínda que nos primeiros contactos non atopamos a boa receptividade que cremos necesaria”, advertiu a responsable municipal, quen confirmou que solicitará falar directamente co Conselleiro de Educación. Ademais, as nais e pais deste centro serán tamén recibidos a vindeira semana polo responsable de Rexeneración Urbana, de cara atender as súas demandas sobre actuacións de mantemento que si poida levar a cabo o Concello en base as súas competencias.

Con respecto á Renda Social Municipal, e a preguntas da veciñanza reunida no Centro Cívico de Monelos, onde había preto dun cento de persoas, a concelleira Cameán explicou que a vindeira semana comezarán unha serie de encontros coa cidadanía que se articularán precisamente nos centros cívicos de cara a ampliar a información sobre como e que persoas se poden acoller a esa prestación municipal, posta en marcha para devolver a autonomía a todas aquelas persoas en risco de exclusión social que non perciban a Renda de Integración Social de Galicia (Risga) ou outras axudas similares.

A %d blogueros les gusta esto: