coruna 16/01/2016

O alcalde da Coruña pon de relevo o papel da memoria como ferramenta pedagóxica e de promoción do capital histórico, cultural e turístico da cidade

by Victor Lamela

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, participou na mañá deste venres na cerimonia de concesión das medallas de ouro da Batalla de Elviña, que se celebrou no salón de sesións do pazo de María Pita, e no que salientou o valor da memoria como valor de futuro para a cidade. “Recordar o que pasou, cando se fai de forma axeitada e partindo de valores éticos e colectivos, fainos entrar no fecundo campo da pedagoxía. É formación para as novas xeracións, aquelas que impulsaran á nosa cidade a cotas impensables hai douscentos anos, e é tamén unha forma de poñer en valor o capital histórico, cultural e tamén turístico desta cidade”, indicou o primeiro edil coruñés, que engadiu: “Aínda que sexa un tópico: os pobos que non recordan están condenados a repetir os mesmos erros”.

unnamed

O rexedor, que recibiu no acto o título de presidente de honra do comité organizador da Batalla de Elviña e a medalla de ouro da entidade, como máximo representante da cidadanía coruñesa, destacou no seu discurso a labor que desenvolve a Asociación Histórico Cultural The Royal Green Jackets, “xa que fai que non nos esquezamos dun evento fundamental da historia da Coruña, que tivo lugar hai 206 anos”. Na cerimonia tamén foron recoñecidos coa medalla de ouro da Batalla da Coruña a entidade Amigos da Cidade Vella, polo cuadraxésimo aniversario da súa fundación e o seu intenso labor na recuperación e difusión da historia da cidade. Igualmente, tamén foi distinguido o Centro de Historia e Cultura Militar Noroeste, polo seu traballo a prol da recuperación e difusión da historia militar da Coruña e pola súa colaboración con outras asociación histórico­culturais. Tamén, no acto se lle outorgou a medalla de ouro da Batalla da Coruña ao Consorcio de Turismo, en recoñecemento do seu labor na recuperación turística e difusión da historia da cidade e, en concreto, a promoción de todo o relativo á Batalla da Coruña en 1809 e a morte do xeneral Sir John Moore a través da colaboración en recreacións e exposicións e na divulgación deste momento histórico. O concelleiro de Economía Social e Emprego, Alberto Lema, que recolleu a distinción, destacou o apoio que a entidade presta nos actos de colaboración do aniversario da Batalla de Elviña e apostou polo traballo do Consorcio “en colaboración coas entidades locais para seguir reforzando a oferta da cidade e impulsando un turismo que cree un emprego cada vez de máis sostible e de maior calidade, que actúe de motor da nosa economía”.

Finalmente, o escultor gaditano Miguel Ángel Díaz Galeote, recibiu a mesma distinción por contribuír ao coñecemento da Batalla da Coruña a través das súas figuras bélicas, no mesmo día en el o Museo Militar da Coruña inaugura unha mostra do seu traballo.

No acto tamén interviñeron o presidente do comité organizador da Batalla e da asociación Royal Green Jackets, Manuel Arenas Roca, o xeneral xefe da Forza Loxística Operativa (FLO) e o xeneral xefe XV Zona Garda Civil.

A %d blogueros les gusta esto: