coruna 09/09/2016

O alcalde da Coruña recórdalle á Xunta “que o Concello estalle a ofrecer, de balde, dúas ubicacións distintas para un centro de saúde que se comprometeu a levar a cabo”

by Victor Lamela

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, solicitou á Xunta de Galicia e, en concreto, á Consellería de Sanidade e ao Sergas, que non leve a cabo “un uso ilexítimo das institucións públicas” e facilite que a veciñanza da zona centro da cidade conte cun espazo sanitario. “Un centro de saúde que se comprometeu, por certo, co anterior Goberno local, a ubicar no mercado de Santa Lucía, mantendo tamén os usos deste espazo, que recordemos é municipal”, indicou o primeiro edil, preguntado polos medios de comunicación, tras a firma dun convenio entre Emalcsa e o Concello de Sada. “O noso ánimo de colaborar é máximo, e non entendemos esta desatención cara á cidadanía da Coruña”, opinou.

unnamed

Ferreiro recordou que o Concello viña traballando “dende hai meses e coa propia Xunta de Galicia” na idea de ubicar un novo centro de saúde (que virá a substituír ao que actualmente se atopa na rúa Federico Tapia), no mercado municipal de Santa Lucía, “respestando ambos usos, tanto o sanitario como o do mercado”. “Mantivemos diversas reunións co Sergas, e presentamos distintos anteproxectos. De repente, e sen previo aviso, din que xa non vale o que estaba pactado e indican que para ubicar o centro de saúde en Santa Lucía é preciso ou ben que non haxa mercado, ou ben que este quede reducido á mínima expresión, nun curruncho”, relatou o alcalde. “Nós non queremos renunciar ao mercado, que vai ser rehabilitado de forma moi ambiciosa, e entendemos que tampouco a veciñanza, polo que, ademais de ofrecerlle un proxecto no que se compatibilizan ambos usos (o sanitario e o do mercado) imos máis alá, e ofrecemos á Xunta unha nova alternativa, no Paseo das Pontes”, comentou. “Alí, a menos de 500 metros do mercado de Santa Lucía, poden facer o centro de saúde que lles pete, xa que non teñen a limitación de espazo que si que ten Santa Lucía”, explicou o alcalde. “Ante iso, non podo entender as queixas dende a Xunta e dende o grupo municipal do PP”, comentou o rexedor, quen lle pediu a este último “que se posicione e decida que é o que vai antes nas súas prioridades, se a cidadanía da Coruña ou o seu partido”.

“Ofrecemos dúas alternativas: ou un centro de saúde compatible cun mercado en Santa Lucía, ou un centro de saúde no Paseo das Pontes. Temos que recordarlle á Xunta que ambas ubicacións son municipais, e llas estamos cedendo de balde, cousa que non fan outros concellos de Galicia, incluso máis grandes que Coruña”, insistiu o rexedor. “O que non estamos dispostos é a renunciar ao mercado de Santa Lucía, donde a nosa intención é abordar unha rehabilitación para convertelo, de novo, nun espazo de cohesión central para o barrio e a cidade, cunha praza cuberta para que a xente poida estar nela”, dixo Ferreiro, que volveu a pedirlle á Xunta “lealdade institucional”. “Ten unha última opción, se non lle vale nigunha das alternativas, que é que escolla e merque un terreo, pero non sei cantas ofertas ten deste tipo, de dous espazos municipais de balde”, resolveu.

A este respecto, o concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela, recordou hoxe todo “os atrancos que a Xunta está a poñer ao desenvolvemento da Coruña”. “Non só no tema do centro de saúde, senón tamén coa Intermodal, co transporte metropolitano ou a Fábrica de Tabacos”, enumerou. Así, o edil indicou que a vontade da súa área de Goberno é “non ceder ante ningún bloqueo”. “A rehabilitación e dinamización do mercado de Santa Lucía vaise levar a cabo a pesar da Xunta de Galicia. Non imos renunciar a ela, nin vamos a manter bloqueado este proxecto”, indicou.

A %d blogueros les gusta esto: