coruna 11/12/2015

O alcalde da Coruña reúnese con representantes municipais do Consorcio para “coordinar e complementar as estratexias urbanas do EIDUS”

by Victor Lamela

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, reuniuse cos seus homólogos nos municipios de Carral, Cambre, Arteixo, Abegondo, Sada e Bergondo ­­José Luis Fernández Mouriño, Óscar García Patiño, Carlos Calvelo. José Antonio Santiso Miramontes, Benito Portela e Alejandra Pérez­­, así como con representantes locais de Oleiros e Culleredo, para presentarlles as liñas de traballo que está a implementar o concello coruñés de cara a posta en marcha do programa EIDUS (Estratexia Integrada de Desenvolvemento Urbano Sostible). “Queremos ver a complementariedade que a estratexia urbana que proxecta A Coruña ten coa que están a preparar dende o Consorcio, xa que entendemos que, neste senso, as políticas que deseñe a comarca teñen que estar en consonancia coas da cidade”, explicou aos medios minutos antes de comezar a xuntanza.

unnamed

O EIDUS é un documento que define “a estratexia da cidade a longo prazo, fundamental para acceder ao financiamento da Unión Europea para entidades locais ate 2020”. Precisamente pola súa importancia, Ferreiro convocou a alcaldes pertencentes ao Consorcio das Mariñas de cara a coordinar unha estratexia urbana común”. “É importante que compartamos ítems e puntos estratéxicos de cara a presentación de documentos á convocatoria que actualmente está aberta e que remata a mediados de xaneiro”, indicou. “Existen moitas liñas que son comúns a todas as administracións como as relativas á xestión da auga, a reducción das emisións de carbono ou a potenciación do transporte urbano”, engadiu.

Por outro lado, e ao respecto de actuacións de traballo conxuntas entre concellos, o alcalde foi preguntado pola posibilidade de que Emalcsa se convirta nunha empresa metropolitana ao incluir a municipios da comarca no seu accionariado. “Tratase dunha idea que lanzamos no seu momento e que, de inicio, tivo moi boa acollida, aínda que hai que ver que fórmula xurídica é a adecuada”, explicou o primeiro edil coruñés. “De facto, Emalcsa é unha empresa metropolitana xa que, aínda que a titularidade é ao 100% do Concello da Coruña, xestiona actividades en moitos outros concellos, non só nos que están dentro da comarca. Esta é vocación de Emalcsa e nesa liña estamos a dar pasos”, comentou.

Mariña­Parrote

Por outro lado, e con respecto a recepción por parte do Concello da Coruña das obras do túnel da Mariña­Parrote, o alcalde declarou que o Goberno local “continúa en conversas coa Autoridade Portuaria ­­a última tivo lugar onte mesmo­­ de cara a garantir que a infraestrutura se entregue en condicións óptimas”. “Unha desas condicións é que se poida levar a cabo un simulacro de accidentes antes da súa apertura, pero non é a única. Hai elementos da obra que entendemos que non están en perfecto estado para botar a andar, pequenos desaxustes, por exemplo en temas informáticos ou en canto a protección de incendios”, relatou. “Ante isto, creo que o que nos interesa a todos é que cando a obra entre en funcionamento non o faga para ser pechada ao mes por pequenas reformas. Iso é o que queremos garantir”, insistiu Ferreiro.“Queremos que a obra se abra ao público canto antes, pero que non se teña que volver a pechar para facer reparacións”, dixo.

A %d blogueros les gusta esto: