coruna 04/11/2015

O alcalde defende a “enorme importancia da actividade pesqueira na cidade e no país” e as súas “grandes problemáticas e retos” durante a inauguración do III Congreso da FREMSS

by Victor Lamela

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, salientou na mañá deste martes, durante a inauguración do III Congreso da FREMSS sobre sustentabilidade e economía do sector pesqueiro, “a enorme importancia” que esta actividade ten para a cidade e amentou tamén as “grandes problemáticas, pero tamén os retos que dependen en maior medida do propio sector” ás que se enfronta cara ao futuro, e nos que o primeiro edil garantiu o respaldo da Administración local e a “axuda, e mesmo o impulso, en todo aquilo que poida facer que o noso sector pesqueiro recupere forza e músculo”.

“No Concello non temos competencias pesqueiras pero si unha forza simbólica que non dubidaremos en utilizar e poñer a disposición da cidadanía, desa xente que traballa na Lonxa todos os días”, comprometeu durante o acto de apertura, no que tamén interviñeron o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a conselleira do Mar, Rosa Quintana, e o Secretario Xeral de Pesca do Ministerio de Medio Ambiente, Andrés Hermida, ademais do presidente da FREMSS (Fundación Rendemento Económico Mínimo Sostible e Social), Severino Ares, e no que Ferreiro remarcou o “papel central” desta actividade na economía da Coruña. Neste sentido, o alcalde fixou como obxectivos cara ao futuro do sector a recuperación “dun maior pulso de unión coa sociedade na que vive e da que talvez foi demasiado separado” e a sustentabilidade social e económica. “Misturar os intereses económicos, sociais e ambientais non só é un reto, senón tamén unha necesidade. Unha pesca que opere dun xeito social, xusto e responsable terá aínda máis influencia e poderá resistir mellor os embates que lle lanzan e estará cos tempos, non fóra deles, nun camiño que pasa por abrirse á xente, compartir o seu traballo e dar a entender a súa relevancia”, considerou.

No seu discurso, Ferreiro fixo notar tamén os “problemas e as carencias do que se deu en chamar ‘construción europea’” e deu conta dos “distintos contactos” que vén de ter no Parlamento Europeo na defensa dos intereses do sector. “O sempre adiado –polo menos en determinadas alturas– debate sobre os efectos da Unión Europea en determinados sectores da nosa economía segue vivo” constatou Ferreiro, e alertou dos “grandes poderes coa súa sede nas institucións comunitarias”, que impoñen os seus intereses, “algo que case nunca beneficiou ao noso sector pesqueiro, en moitas ocasións abandonado ante xigantes con instintos pouco sociais”. “Cando nas prazas das nosas cidades, centos de persoas falaban de máis democracia, máis dereitos e unha economía social, nas súas demandas tamén estaba a Unión Europea; non como posibilidade de proxecto común senón como símbolo tamén do goberno ás costas da xente”, recordou.

Tamén, o rexedor referiuse á “invisibilización” da que foron obxecto o porto coruñés e a súa actividade pola separación e peche do acceso ao espazo. “O porto coruñés foi, e segue a ser, un dos máis importantes do mundo. Pero, tampouco nos enganemos, o sector non vive os seus mellores tempos, e á xente desta cidade se nos pechou o acceso cun valado”, lamentou o primeiro edil, que chamou o sector a recuperar “un maior pulso de unión coa sociedade na que vive e da que, talvez, foi demasiado separado”.

A %d blogueros les gusta esto: