coruna 04/11/2016

O alcalde destaca o emprego como “un dos eixes estratéxicos” do proxecto de Orzamentos do Goberno local para o ano que vén “e un dos retos primordiais que se debe abordar, en conxunto, desde a área metropolitana”

by Victor Lamela

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, avanzou que as políticas de promoción de emprego serán unha das liñas prioritarias do proxecto de Orzamentos municipais para o ano 2017 que presentará próximamente o Goberno local. O primeiro edil destacou que, “aínda que as administracións locais ven limitadas as súas competencias en materia laboral”, o executivo coruñés “reforzará a súa promoción e traballará pola creación de emprego” na cidade desde a formación e a transversalidade, “así como da innovación tecnolóxica e do apoio ao cooperativismo”. O rexedor tamén expresou o compromiso do Goberno local coa mellora da situación económica e laboral na comarca, “a través da cooperación e traballo colaborativo” cos municipios que conforman a área metropolitana coruñesa e o deseño dunha “estratexia común”. “O proceso que vimos de iniciar para a creación legal da Área Metropolitana permitirá abordar, de forma conxunta, retos como o emprego e a estabilidade laboral e económica nos concellos, e dar resposta deste xeito ás necesidades da veciñanza para mellorar as súas condicións de vida”, expresou, en relación ao proxecto para a conformación dunha Lei da Área Metropolitana da Coruña, tal e como se fixou o pasado mes de outubro na chamada Declaración de María Pita, que asinaron os alcaldes da Coruña, Betanzos, Cambre, Culleredo, Oleiros e Sada e a alcaldesa de Bergondo.

unnamed

Así o destacou na sesión inaugural das Xornad as de Innovación nas Políticas Locais de Emprego, un foro organizado polo Concello da Coruña que se desenvolve hoxe e mañá no Paraninfo da UDC e “que debe ser un espazo para a reflexión e analizar, desde unha perspectiva ampla e plural, a situación na que nos atopamos e tanto as administracións como os distintos axentes económicos e sociais, compartir ferramentas para mirar cara adiante e colaborar na planificación das estratexias de emprego”, expuxo Ferreiro, quen estivo acompañado polo concelleiro Alberto Lema, así como polo Presidente da Deputación provincial, Valentín González Formoso.

Na súa intervención, o alcalde aludiu “á preocupación do Goberno local pola situación de incerteza laboral” que afecta a traballadores e traballadoras como o cadro de persoal de Extel, Fábrica de Armas, Alcoa ou Caramelo, “que sofren os efectos e consecuencias resultantes da crise económica que aínda ateaza a centos de familias na Coruña”. Neste sentido, o rexedor defendeu “reverter unhas políticas que favorecen non só a precarización das concicións de traballo e de vida, senón que os e as traballadoras se convertan nunha moeda de cambio”. Así, Ferreiro avogou pola recuperación dun sistema laboral “que devolva as condicións de dignidade a todas as persoas, desde unha perspectiva de xustiza social e igualdade”, facendo especial fincapé en colectivos “que teñen máis difícil acceder a día de hoxe un posto de traballo”, como é o caso “das mulleres, e máis a partir dos 45 anos, pero tamén da mocidade e doutros colectivos minorizados”. A este respecto, o rexedor salientou o traballo do Goberno local pola creación de emprego a través da formación, como “sucede coa Renda Social Municipal, unha axuda que vai aparellada a itinerarios de inserción sociolaboral titorizados, coa finalidade de devolver a autonomía ás persoas que a reciban”, e desde a transversalidade. O alcalde apostou por alternativas de progreso económico “máis viables” como a coñecida economía verde, “que encaixa coa perspectiva de sustentabilidade ambiental que desde o Goberno local impulsamos de xeito decidido”, ou a innovación tecnolóxica, “unha liña de creación de emprego que se pretende fomentar con ferramentas como o viveiro de empresas do Papagaio”.

Na liña da aposta pola capacitación tamén se pronunciou o concelleiro de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, quen defendeu “a validez e utilidade” desta ferramenta promovida desde os municipios, á vez que criticou os programas de formación da Xunta, “que non deixan de ser subvencións finalistas de caráter anual que precarizan o propio persoal especializado en materia de emprego”. “As administracións locais deben ser as encargadas de deseñar os programas de capacitación para o emprego, pois son as entidades que mellor coñecen a realidade socioeconómica dos municipios e as necesidades da súa veciñanza”, afirmou o edil.

O titular da área de Economía Social tamén puxo de relevo a necesidade de dotar de recursos á cidadanía desde a área de promoción económica dos concellos, “para mellorar a competitividade das nosas empresas”, e apostou pola posta en marcha “de ferramentas financeiras de proximidade que axuden as e aos nosos empresarios a iniciar ou manter a súa actividade económica nun momento de contracción xeral do crédito por parte das institucións financeiras privadas”. Por último, Lema denunciou a situación da vixente lexislación en material laboral “que leva décadas resultando regresiva” cos dereitos das e dos traballadores, “e cuxa última versión, de 2012, elimina a negociación colectiva dos convenios ou amplía figuras como os expedientes de regulación de emprego”. Neste sentido, o responsable municipal fixou como reto “recuperar a concertación e o diálogo” entre as administracións e os distintos axentes sociais “para construír unha sociedade máis próspera entre todas e todos”.

A %d blogueros les gusta esto: