coruna 05/02/2016

O alcalde destaca que o Plan Municipal de Emprego “pretende unha cidade máis xusta e igualitaria, loitando contra a precariedade e a prol do traballo digno”

by Victor Lamela

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, e o concelleiro de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, presentaron este xoves no Centro de Emprego dos Rosales o Plan Municipal de Emprego, un documento que, como salientou o rexedor, establece unhas liñas de traballo que “pretenden facer desta unha cidade máis xusta e igualitaria, loitando contra a precariedade e a prol do traballo digno”.

unnamed

Segundo indicou o primeiro edil coruñés “os anos de crise económica rebaixaron a calidade do emprego e os dereitos dos e das traballadoras, que non por iso viron minoradas as súas esixencias”. “É un absurdo gabarse da mellora nas cifras de desemprego se falamos de contratos en precario, de mini jobs, de convenios laborais que deixan extinguir ou directamente non se cumpren. Este plan municipal loita contra iso, contra os contratos en precario e contra a existencia de veciños e veciñas que teñen que marchar a pesar da súa excelente formación”, explicou.

Na presentación do citado plan, cuxas bases xa foron avanzadas o pasado 28 de outubro, Ferreiro destacou a necesidade de consenso e participación para poder poñelo en marcha. “Este Plan Municipal de Emprego conta, neste momento, coa colaboración da maioría das entidades integrantes no anterior Pacto Local, ademais doutros novos axentes sociais, recentemente incorporados, que cobren un mapa máis extenso dos colectivos aos que se dirixe esta iniciativa”, destacou. “Temos claro que a tarefa de devolver a autonomía e a dignidade ao traballo non é unha meta á que poidamos chegar sós. Esta iniciativa aposta por promover o traballo en rede entre os principais axentes sociais, económicos e políticos, xa que entre todos e todas debemos marcar a estratexia a seguir”, dixo. “Cando falamos dos dereitos das persoas, do ben común e do que é mellor para a nosa veciñanza, a palabra partidismo non cabe. Non entra no vocabulario deste Goberno local e agardamos que o resto de institucións e formacións estean á altura”, comentou o alcalde, quen agradeceu o traballo de todos os actores sociais que participaron na elaboración deste Plan de Emprego.

O plan supón a concertación dun novo Pacto Local polo Emprego, que permitirá, en palabras do concelleiro Alberto Lema, “a posta en marcha de medidas integrais que favorezan as políticas activas no noso contorno”. “O Goberno municipal sitúase nunha posición de máxima responsabilidade ante o obxectivo de afrontar a loita contra o desemprego, apostando pola participación cidadá, a coordinación de actuacións e o funcionamento democrático na construción do futuro da nosa cidade”, dixo. A preguntas dos xornalistas, o edil indicou que o proxecto municipal conta “con medidas innovadoras”. “Entendemos que é preciso promocionar o pequeno comercio cun banco de baixos comerciais xestionado directamente polo Concello co obxectivo de reactivar a actividade comercial, sobre todo naqueles barrios onde a calidade do sector comercial está máis baixa”, apuntou, á vez que salientou “unha serie de medidas para o fomento da economía social e o cooperativismo de calidade”. Tamén destacou, entre as novidades, o fomento de “cursos de capacitación laboral para menores de 30 anos”. “Hai que apoiar de forma especial a este colectivo”, dixo.

O proxecto do Goberno local ten como obxectivo fundamental a diminución da taxa de paro en seis puntos de cara a 2019, “tomando como referencia a taxa media de desemprego do ano 2014 segundo a Enquisa de Poboación Activa (EPA), que supuña o 17,4%, e deixando a taxa de desemprego arredor do 11,4%, apostando por datos pre­crise”. “Temos que marcarnos metas altas e ser ambiciosos, que non cheguemos ao noso obxectivo a metade de mandato”, opinou.

A intención da Concellería de Emprego e Economía Social é que este sexa un plan “vivo”. “A nosa intención é darlle prioridade aos eixos de actuación que nos marcamos como primeiras actuacións para este 2016, á vez que seguiremos traballando para a planificación de accións de cara aos vindeiros anos”, indicou Lema. En concreto, os eixes vertebradores deste plan baseánse na participación cidadá, a diagnose socioeconómica e prospección laboral, a calidade e innovación, a promoción do emprego, a actividade empresarial e o emprendemento, a cooperación interinstitucional, a transversalidade, e a responsabilidade sociolaboral.

No eixo da P articipación Cidadá, a proposta pasa, como indicou o concelleiro, por revitalizar o Pacto Local polo Emprego e asinar un acordo marco que reflicta os compromisos adquiridos con cada una das entidades do Pacto. “O que queremos desde o Goberno local, ademais do obxectivo xeral de reducir a taxa de paro, é liderar un proceso participativo no que poñamos en común accións de promoción do emprego e desenvolvemento empresarial, para así rendibilizar os recursos que temos para estas accións”, destacou Lema.

Un segundo eixe alude ao D iagnóstico Socioeconómico e Prospección Laboral. Neste apartado, o responsable municipal de Emprego adiantou o proxecto para impulsar un observatorio de emprego e emprendemento do pacto Local, ademais de estudos de prospección dos sectores xeradores de emprego e de nichos de emprendemento seguro, ou dun banco de ideas para o emprego. Tal e como sinalou Lema, a proposta de Orzamentos do Goberno municipal recolle neste apartado unha asignación de 25.000 euros para un convenio coa Universidade, dirixido á elaboración dese estudo sobre sectores potencialmente xeradores de emprego.

No eixe de C alidade e Innovación, recóllese a implantación dun sistema de xestión de calidade compartido, o deseño de plans de innovación e sostenibilidade empresarial, o fomento de programas de de apoio a empresas consolidadas ou a participación en redes de intercambio de boas prácticas baseadas na innovación para a mellora da eficiencia nas organizacións. Como indicou o concelleiro, a proposta orzamentaria do Goberno municipal prevé unha partida de 100.000 euros dirixidas a unha liña de subvencións para accións de desenvolvemento empresarial, onde primen os proxectos de innovación, exportación e proxectos baseados na económia social. Tamén, Lema avanzou a posta en marcha de programas de “consolidación empresarial” .

O eixe de P romoción do Emprego abrangue itinerarios de inserción laboral, unha metodoloxía que, como destacou Lema, “vén demostrando que funciona como unha das que insiren no mercado laboral a persoas que non teñen capacitación laboral p revia para o emprego”. Neste apartado, o Goberno local contempla unha partida da orde de 275.000 euros para convenios con entidades expertas en formación en sectores xeradores de emprego.

O Plan de Emprego establece un quinto eixe que ten que ver coa P romoción da Actividade Empresarial e o Emprendemento. D el, o concelleiro salientou os 700.000 euros que se contemplan no proxecto presupostario para este 2016 para actuacións de dinamización comercial, ademais dos 150.000 dirixidos ao desenvolvemento dun banco de aluguer de locais comerciais e dos 110.000 dirixidos a programas de formación para o emprendemento, consolidación empresarial e difusión da cultura emprendedora no eido educativo. “Darémoslle pulo á promoción da actividade empresarial, facendo especial esforzo na promoción do emprendemento colectivo e de empresas da economía social, tal e como se reflicte no propio nome desta concellería”, indicou o edil, para referirse tamén aos programas e accións de formación para PEME e para o pequeno comercio, “con especial mención á consolidación empresarial e o mantemento dos pequenos negocios”.

O eixe VI refírese á C ooperación Interinstitucional, unha área na que o concelleiro cualificou como “fundamental” dado que, como lembrou Lema, as competencias nesta materia sons propias do goberno da comunidade autónoma. “Pero tamén é importante sinalar que a Xunta, sen cooperación dos concellos, tería moi difícil chegar á cidadanía cos seus proxectos de promoción de emprengo e apoio apoio empresarial”. A proposta nesta área pasa pola constitución dun grupo de traballo entre o Concello e a Xunta para afondar na colaboración e abordar cuestións urxentes, como

O eixo VII incide no Concello como Entidade Xeradora de Emprego. “Para iso comezaremos analizando a potencialidade de cada área municipal, para a xeración de emprego, co obxecto de decidir, unha vez obtido ese coñecemento, a capacidade de facer unha oferta pública de emprego e cales son as medidas a poñer en marcha para os postos xerados polo Concello de xeito indirecto”, indica o plan municipal.

Algunhas das medidas deste apartado están xa, como apuntou o concelleiro, en marcha, como é “o caso da inclusión, dentro da contratación pública municipal, de cláusulas sociais, de fomento do emprego de calidade e igualdade de oportunidades”.

O último eixe ten que ver coa R esponsabilidade Sociolaboral, o fomento da Igualdade de Oportunidades e a non Discriminación Social, unha área onde, en palabras do edil de Emprego, vanse impulsar plans de igualdade no ámbito municipal, asociativo e empresarial e traballará cara a medidas que promovan a flexibilidade horaria para a conciliación. “O que se pretende é construír unha rede empresarial coruñesa de responsabilidade social, co obxecto de fidelizar a colaboración empresarial na xestión de ofertas de emprego e o fomento da integración de colectivo con dificultades de inserción”.

“Queremos compartir este plan con todas as entidades do Pacto Local polo Emprego, asinando un primeiro documento marco onde nos comprometamos a desenvolver, de maneira conxunta a través de mesas técnicas, por medio de convenios de colaboración ou de calquera outra fórmula de traballo cooperativo, actuacións que melloren as posibilidades de atopar traballo para as persoas desempregadas, así como impulsar as Pemes e o pequeno comercio”, salientou o titular de departamento de Emprego e Economía Social.

O Plan Municipal de Emprego pode descargarse a través da páxina web do concello, no enlace http://goo.gl/0J2Ibm.

A %d blogueros les gusta esto: