coruna 19/01/2016

O alcalde indica que “a folla de ruta é aprobar os orzamentos canto antes”, e que estes contemplen “os convenios e axudas coas entidades do tecido social e veciñal”

by Victor Lamela

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, reiterou este martes que a intención do Goberno local pasa por “aprobar os orzamentos municipais canto antes”, e que estes contemplen “os convenios e as axudas as entidades sociais, veciñais, deportivas e culturais da cidade”. Así, preguntando polos medios de comunicación tras a reunión que mantivo co reitor da USC, Julio Abalde, o rexedor manifestou a súa vontade de que os contactos entre o grupo de Goberno e o PSOE se concreten nos próximos días. “O Partido Socialista xa manifestou que a documentación que lles remitimos lles vale para comezar a falar, algo do que me alegro moito. Esperamos, por tanto, que entre hoxe e mañá nos sentemos de verdade e coñezamos a súa opinión e os seus proxectos con respecto aos presupostos”, comentou.

O primeiro edil coruñés indicou: “Creo que é o momento de deixar de lanzarnos mensaxes cruzadas e de que nos sentemos a traballar, que é o que a cidadanía agarda de nós”. “A vontade deste Goberno e conseguir poñer en marcha políticas que sexan acordes cos intereses da maioría social, e entendo que a intención do PSOE é a mesma”, engadiu.

“O noso desexo é aprobar os orzamentos canto antes. No improbable caso de que houbese problemas, habería outras medidas para evitar, en todo momento, xerar problemas á cidade. Ir a unha modificación de orzamentos prorrogados debe ser unha excepción. Nós seguimos e temos confianza na nosa folla de ruta, que é a de dar o visto e prace ao proxecto orzamentario canto antes”, explicou o alcalde, preguntado pola proposta doutro grupo da oposición.

Por outro lado, Ferreiro tamén foi preguntado polo estado das negociacións co Ministerio de Fomento ­­coincidiu hoxe con Ana Pastor no acto de balance anual das actuacións de Salvamento Marítimo­­ a respecto do proxecto de remodelación da Avenida da Vedra. “A ministra falou hoxe de funcionalidade, que é algo do que nós tamén falamos dende o principio. O entendemento entre ambas partes, tanto a nivel persoal como de equipos foi bo. Levamos traballando dende hai semanas, ás veces con máis repercusión pública, e outras de forma máis calada”, salientou. “Nós nunca renunciamos á funcionalidade da vía, pero unindo este factor ao do dereito á cidade, ao dereito dos e das veciñas dos barrios darredor deste vial a sentirse parte do municipio, a ter unha zona de esparcemento, e un proxecto de mobilidade intermodal que contemple a bicicleta e o transporte público e peonil. Temos dereito a ter unha avenida acorde coa dunha cidade do século XXI”, reflexionou.

“O último que se pactou foi que Fomento fará un estudo de tráfico para ver como está impactando no vial tras a posta en marcha da C­14 e da Ronda do Deportivo. A partir de aí, cuns datos que non creo que sexan moi distintos aos da DXT, poderemos dimensionar a vía, de acordo tanto cos datos actuais de densidade de vehículos, como de acordo ás previsións nun futuro”, explicou.

A %d blogueros les gusta esto: