coruna 10/12/2015

O alcalde pon en valor “o traballo da sociedade civil activa e do asociacionismo de base como motor indispensable da cidade”

by Victor Lamela

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, asistiu na tarde deste xoves á inauguración da Escola de Radio e Asociacionismo de CUAC FM, e aproveitou o acto para facer defensa de valores e dereitos como o de comunicación e de asociación, representados, como indicou, nesta emisora de radio comunitaria, que pon a andar o seu proxecto de formación na mesma data en que se celebra o Día Universal de Dereitos Humanos. Neste sentido, o rexedor salientou a “pluralidade” desta radio, que ten a sede no campus da Zapateira e da que destacou que funciona desde hai case dúas décadas coa “responsabilidade social sempre presente” e “partindo da colaboración”, “do traballo da sociedade civil activa e do asociacionismo de base”. “Ambos son motores indispensables desta cidade, da Coruña na que cremos, aquela que non traballa en vertical ou á espera, senón que transmite inquedanzas e agroma desde abaixo, desde o común e para o común”, incidiu Ferreiro, quen puxo a Escola de Radio e Asociacionismo como exemplo “da Coruña máis viva, a que sabe pensar e crear por si mesma, sen ter que seguir as directrices de ningunha elite”.

unnamed1

Durante a súa intervención, o alcalde tamén quixo poñer en valor o dereito ao coñecemento, “á escola nas súas múltiples acepcións”. “O dereito á educación e á Universidade, a transmitir e a divulgar, a sermos libres”, indicou, para saudar o proxecto de CUAC FM, no que “ondas e aulas danse de novo a man”.

Como remate ao acto, no que estiveron presentes, entre outros, a vicerreitora de Estudantes da UDC, María Xosé Martínez, o presidente do Colectivo de Universitarios Activos­CUAC, Óscar Castro Rivas, e o responsable da Coordinadora de Formación, impulsor da Escola, Roberto Catoira, procedeuse ao descubrimento dunha placa, despois do cal o alcalde visitou as dependencias da Escola: a Aula Nikola Tesla (técnica) e Aula María Barbeito (teórica) e a Biblioteca Paco Dotras, que toma o nome deste colaborador da emisora, falecido o ano pasado aos 92 anos.

 

A %d blogueros les gusta esto: