coruna 05/27/2017

O alcalde reivindica o labor dos corpos de seguridade municipais “e o seu empeño, que comparten con Goberno local e cidadanía, para ter unha cidade libre de violencias machistas”

by Victor Lamela

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, quixo reivindicar no día de hoxe a figura dos e das integrantes dos corpos de seguridade do Concello, especialmente a Policía Local, que hoxe celebra o seu día con actividades para todos os públicos na Praza de María Pita. Foi nun acto institucional que tivo lugar este venres no Salón de Plenos municipal no que o rexedor entregou distincións a membros en activo da Policía Local, así coma distintas medallas e diplomas a permanencia a aquelas persoas que cumpren 30 e 40 anos de servizo. No acto, o primeiro edil destacou o traballo diario deste corpo “que entendemos debe dirixir os seus esforzos á xestión da convivencia da cidadanía, primando as políticas de prevención sobre as sancionadoras”. Ao fío, recordou que “A Coruña sitúase coma unha das cidades máis seguras de toda Europa” e fixo fincapé nas políticas encamiñadas dende o Concello, e por extensión, tamén por parte da área de seguridade, “para facer desta unha Cidade Libre de Violencias Machistas”.

“Erradicar por completo as violencias machistas é o primeiro obxectivo deste Goberno local e creo que tamén da cidadanía”, dixo Ferreiro, que incidiu en que o pasado ano, segundo os rexistros municipais, a Policía Local levou a cabo 129 detencións, das cales 52 estiveron relacionadas con delitos de violencia de xénero ou de violencia no ámbito familiar, fronte aos 27 casos de 2015. “As violencias machistas desenvólvense de distintos xeitos na nosa sociedade e para nós é unha alegría saber que a cidadanía da Coruña se corresponsabiliza na súa loita. Cremos que as campañas de sensibilización e de información levadas a cabo por este Concello están a dar os seus froitos. A cidade da Coruña sabe que a loita contra as violencias machistas é un asunto de todos e de todas, xuntas loitamos pola súa erradicación, visibilizando e denunciado os actos de violencia”, explicou.

Como exemplo do empeño tanto do Goberno local como da Policía Local na loita contra as violencias machistas Ferreiro salientou a decisión adoptada polo Executivo municipal de que sexa a concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, quen dende hai unhas semanas ten atribuídas as competencias en materia de seguridade cidadá.

O alcalde fixo balance das cifras relativas ás actuacións da Policía Local durante o ano 2016, das que manifestou sentirse moi satisfeito. “Os corpos de seguridade municipais traballan a reo e colaboran con outras institucións e entidades, como vemos por exemplo no feito de que durante o pasado exercicio 383 informes de atestados foron remitidos ás autoridades xudiciais, mentres tamén medrou a asistencia de membros da Policía Local a citacións xudiciais en calidade de testemuñas”. Así, explicou tamén durante o ano pasado o servizo do 092 atendeu 87.781 chamadas.

Ao fío das atribucións da Policía Local, nunha entrevista que tivo lugar de mañá nunha emisora radiofónica, o primeiro edil destacou que os corpos de seguridade tratan de “ter presenza na rúa e patrullar todos os barrios por igual”. Non obstante, recordou que “no que atinxe á seguridade cidadá, é o corpo de Policía Nacional o que ten as competencias, e aí nos encontramos coa problemática de que está insuficientemente dotado debido aos recortes do Goberno central”. “Ese corpo fai un traballo moi importante, pero non ten persoal suficiente, e hai noites nas que na Coruña a única policía que está patrullando é a local”, dixo, á vez que solicitou á institución con competencias unha dotación suficiente.

Día da Policía en María Pita

No que atinxe ao acto institucional que tivo lugar en María Pita, o alcalde, acompañado de distintos membros do Goberno local e da Corporación distinguiu a numerosos membros da Policía Local, en concreto entregáronse distincións a policía en activo con permanencia de 30 e 40 anos nos corpo, así como se homenaxeou a Carlos Víctor Fernández, policía falecido o pasado ano estando en activo, e a tres axentes que se xubilaron e 2016. Ademais tamén se fixo entrega de felicitacións públicas a catro representantes de distintos corpos policiais da comunidade autónoma e entregaron distincións a cinco axentes pola súa “traxectoria exemplar”.

Á marxe deste acto, o Concello celebrará hoxe sábado o Día da Policía Local coa veciñanza. A Praza de María Pita acollerá dende as 16.00 horas ás 19.30 horas distintas actividades encamiñadas a que a cidadanía poida coñecer, de primeira man, o traballo que desenvolve a diario este servizo municipal na cidade. A continuación, ás 20.00 horas, a sección motorizada do corpo realizará unha exhibición na mesma praza.

A %d blogueros les gusta esto: