coruna 03/11/2016

O alcalde salienta que “a decisión que tomaron no pleno PP e PSOE pon en perigo tanto a viabilidade da propia EDAR de Bens como a calidade da depuración da auga”

by Victor Lamela

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, lamentou este mércores, ao remate da sesión plenaria de carácter extraordinario celebrada esta mañá, a posición tomada polos grupos do PP e o PSOE, que impediron a aprobación da modificación da taxa de depuración de augas residuais ao apoiar un voto particular neste sentido do grupo socialista, contravindo deste xeito o votado por eles mesmos durante o consello de administración da EDAR de Bens, onde a suba desta taxa foi aprobada de forma unánime, con presencia e voto de representantes destas dúas forzas, e coa unanimidade dos concellos que forman parte xunto coa Coruña, como son Oleiros, Culleredo, Cambre e Arteixo. “Non había ningunha razón material para non ter aprobado hoxe a taxa de depuración que xa aprobaron os restantes concellos que pertencen á EDAR de Bens, con unanimidade en todos os plenos municipais. Trátase ademais dunha decisión que pon en perigo a viabilidade da propia empresa pública e tamén a calidade da depuración; poñemos en risco os nosos mares e costas, porque a EDAR necesita dunha serie de actuacións que requiren uns investimentos que agora quedan no aire”, criticou o rexedor, quen sinalou que o voto particular aprobado hoxe “non acepta o que xa se fixo na EDAR e pon en perigo o funcionamento e o servizo de inspección ambiental de cinco concellos, que é fundamental para a rede de saneamento e para evitar verteduras ilegais nela”. “Nese consello de administración non se puxo de manifesto cuestión algunha, e si se considerou que os informes económicos e técnicos estaban fundamentados para avalar esta decisión. Agora teremos que ir ao consello de administración da EDAR, e ver que responsabilidade teñen os e as conselleiras que votan a favor nun sitio e en contra noutro. Despois intentaremos buscar unha saída para que non sexan os concellos limítrofes os que teñan que pagar o saneamento do concello da Coruña”, advertiu o primeiro edil. “Paréceme que este é un mal xeito de comportarnos con persoas e concellos que compartiron un proxecto metropolitano como é a EDAR, que queren, ademais,compartir un proxecto de área metropolitana con nós, e que se atopan con que os asuntos partidarios e de política de curto prazo e baixa mira pola banda dalgúns no Salón de Plenos levan a facer que o Concello da Coruña non responda á palabra dada. Non no caso do grupo de Goberno, que votamos no mesmo sentido, pero si de quen non o fixo así”, engadiu.

Ferreiro afeou tamén aos dous grupos da oposición que, como xustificación, “intenten engañar á poboación da Coruña anunciándolle unha suba no recibo que non se ía a producir no 90% dos casos”. O alcalde recordou que o ano pasado xa houbo unha baixada no recibo impulsada polo Goberno municipal, na que se contemplaba a posibilidade de suba da cota fixa do 2017. “Non só iso, ademais, a baixada da cota variable serviría para compensar en moitos casos a cota fixa –xa que os recibos máis baixos non ían subir– e, a maiores, propuxemos unha bonificación no consello de administración de Emalcsa para impulsar unha compensación que afectaría a 30.000 familias nesa cota fixa, ás cales non se lle subiría a auga”, expuxo, lamentando que esta bonificación non se puidera votar no consello de administración de Emalcsa do pasado mes de outubro “porque nin o PP nin o PSOE o quixeron”.

Por outro lado, e con respecto á retirada da orde do día do asunto relativo á aprobación inicial das ordenanzas fiscais para o vindeiro ano, Ferreiro reiterou que o grupo de Goberno tomou esta decisión “xa que non viamos que fose a ter un apoio global”. Con respecto á baixada do IBI recentemente postulada tanto por socialistas como por populares, o mandatario indicou que “a política fiscal non se fai con ocorrencias que se presentan de xoves para luns”. “Nós estamos dispostos a negociar un modelo de IBI que permita a progresividade, pero para artellar isto hai que ter moitas cousas enriba da mesa, como os informes técnicos e económicos. Se realmente había unha vontade clara por parte destes grupos de traballar cara a outro modelo podiamos ternos sentado. Ao PSOE se lle pediu moitas veces, pero non quixo, e agora, directamente, o que está a propoñer é desfacer todo o que puxemos en marcha en materia fiscal o pasado ano con respecto aos usos portuarios. Non parece de recibo que sexa o Partido Socialista o que lle está a dicir ao pequeno comercio desta cidade que aqueles que ocupan un posto privilexiado na pequena estación marítima vaian pagar menos de IBI, creo que non é algo serio”, reflexionou o rexedor.

Con respecto ao debate en próximas edicións plenarias das ordenanzas, Ferreiro manifestou que se barallará a posibilidade de levar as modificacións presentadas de forma individual ao Pleno. “Por exemplo, sería posible volver a levar, por separado, a cota cero na taxa de aperturas para os traspasos”, dixo. “A partir de agora, e se as cousas non mudan, será necesario facer estas cousas así, debater todo individualmente, de xeito que non se poida paralizar todo”, explicou. “A nosa postura é clara. Nós propoñemos unha fiscalidade progresiva, e non se pode tratar de deslizar cousas que non son. O grupo de Goberno plantexou unha rebaixa de impostos para todas aquelas persoas que se acollan ao Plan de Pago Personalizado. Estas persoas verán non só rebaixado o seu IBI, senón tamén o seu imposto de vehículos, cunha porcentaxe de rebaixa, ao final, igual ou maior á que propuxo o PP neste Pleno”, aclarou Ferreiro. “As rebaixas deben ser xustas, o que máis ten debe ser o que máis aporte, e as rebaixas se lle deben aplicar a quen menos posúe”, comentou. “Non entendemos medidas de rebaixa que non sexan progresivas, e creo que non o é, por exemplo, unha medida –como a proposta do PSOE, que contempla unha baixada lineal– que supoña una rebaixa de 60 céntimos anuais para os valores catastrais máis baixos, pero que pode supor baixadas de 900 e 1.000 euros para os máis altos”, comentou o alcalde, que, non obstante, insistiu na vontade de diálogo do Goberno.

“Nós temos sempre vontade de diálogo a pesar do que hoxe manifestou o PSOE, o que pasa é que nos puntos nos que houbo disenso directamente non se puido negociar, porque non se moveron nin un ápice da súa postura inicial. Unha vez máis, vemos que, no seu afán de intentar transmitir que este é un Goberno con debilidades, segue a pagar o pato a cidade da Coruña”, manifestou, a preguntas da prensa. “Cando alguén pretende compartir un proxecto, debe facelo en base a relacións de confianza”, indicou, en referencia ás pretensións do grupo municipal socialista. “Por agora non foi posible o consenso coas ordenanzas fiscais, pero agora veñen os orzamentos… O que temos claro é que os gobernos de coalición baseados na hostilidade non son bós para a cidade”, resolveu.

A %d blogueros les gusta esto: