coruna 17th abril 2019

O Aquarium Finisterrae celebra o seu viséximo aniversario cunha mostra conmemorativa dos carteis das exposicións que acolleu ao longo das últimas dúas décadas

by Victor Lamela

​O Aquarium Finisterrae cumprirá, o vindeiro 5 de xuño, vinte anos desde a súa inauguración e apertura ao público. Co gallo desta efeméride, que coincide co Día do Medio Ambiente, os Museos Científicos Coruñeses ofrecen desde hoxe unha mostra conmemorativa sobre as exposicións e actividades que se celebraron ao longo destas dúas décadas na Casa dos Peixes, espazo que recibiu máis de cinco millóns e medio de visitantes nestes anos.

O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, o director dos Museos Científicos, Marcos Pérez Maldonado, e o director da Casa dos Peixes, Paco Franco, presentaron esta mañá a exposición Aquarium Finisterrae: 2009-2019, unha iniciativa que, a través de 53 carteis correspondentes a outras tantas mostras temporais, dan conta da actividade producida no espazo municipal desde a súa inauguración. A meirande parte delas, tal e como apuntou José Manuel Sande, están vinculadas a coleccións de fotografía sobre natureza e temas relacionados co mar, “O Aquarium puxo todos estes anos sobre a mesa cuestións cruciais para entender a nosa época, e que supoñen retos que, tanto a sociedade en global como as institucións debemos asumir”, sinalou o edil, quen salientou “o rigor e a responsabilidade” do museo na configuración do patrimonio moderno coruñés”. “Estes 20 anos son a demostración de que o Aquarium é unha parte esencial do patrimonio cultural, ambiental e científico da cidade, de Galicia e de todo o Estado”, aseverou o concelleiro.

Na sala Isabel Castelo tamén estarán presentes os carteis das grandes producións interactivas que a sala Humboldt acolleu estes anos e que abranguen temáticas diversas, como o Mar Caribe, os cabaliños de mar, os cefalópodos, a acuicultura, a farmacoloxía vinculada ás especies mariñas ou a reprodución dos seres vivos acuáticos, ​Sexo azul, ​que se pode visitar na actualidade. “Esta escolma de carteis sintentizan moi ben o traballo que se desenvolveu ao longo destes 20 anos. Falamos da conservación dos océanos, da divulgación científica pero ,sobre todo, dun proxecto de cidade”, expresou Sande.

Desde a súa inauguración –que coincidiu co 200a aniversario da saída do porto da Coruña da expedición americana de Alexander von Humboldt–, o Aquarium Finisterrae produciu un total de 67 exposicións e recibiu máis de 5.550.000 visitas. O responsable de Culturas puxo en valor “a divulgación científica e didáctica” do espazo, “unha calidade inherente aos Museos Científicos”. Un 30% do público deste espazo interactivo, segundo explicou o edil, está vinculado ao alumnado dos centros escolares e ciclos formativos que, durante estes anos, puideron coñecer a máis de 200 especies de animais e plantas que conforman a súa colección biolóxica.

20 anos de actividade

Os vinte anos de vida do Aquarium abranguen numerosos acontecementos singulares. A meirande parte dos mesmos teñen que ver coa incorporación, á súa colección biolóxica, de animais que, co paso do tempo, se converteron nun reclamo para o público. Así, o 13 de abril de 2000 chegaron as focas Petra e Hansi. Tres anos máis tarde, a comezos do período estival, naceron Deben e Altair, as primeiras focas coruñesas e, o 10 de febreiro de 2006, chegou o tiburón Gastón, que actualmente se pode visitar no Nautilus.

En novembro de 2001 púxose en marcha o programa educativo Merendas no Aquarium ​e, ano ano seguinte, comezou a actividade máis popular do Aquarium, ​Durmindo con tiburóns. As nenas e nenos durmiron na sala Nautilus, por vez primeira, a noite do 26 de xuño de 2002. Ese mesmo no inaugurouse tamén O gabinete do capitán Nemo, un dos principais atractivos da Casa dos Peixes.

Ademais, desde o inicio de actividade do espazo municipal, realizáronse programas de formación e investigación. Durante o verán de 1999, Tulia Figueroa, Roberto Gónez e Daniella de Filippo, estudantes da Universidade de Salamanca, realizaron as primeiras prácticas no equipamento. Nestes anos o Aquarium Finisterrae tamén participou en iniciativas de investigación da man do CSIC de Vigo, como no proxecto ​Hippocampus, no que se estudou, entre os anos 2005 e 2009, as poboacións naturais e a reprodución en catividade de especies protexidas de cabalo de mar.

Durante a presentación, ademais, o director da Casa dos Peixes salientou que, no ámbito expositivo, o espazo sempre procurou que as temáticas das mostras “estivesen vinculadas a cuestións próximas á actualidade ou á sensibilidade pública”. “Por exemplo, nos últimos anos, abordamos cuestións como a sobrepresca ou a contaminación do plástico nos océanos”, apuntou Franco. Entre as exposicións destes 20 anos, atópase ​Chapapote –inaugurada en xaneiro de 2003–, conformada por imaxes da marea negra producida polo desastre do Prestige e que captaron profesionais da fotografía de medios de comunicación de todo o mundo. “Precisamente esta marea negra puxo en valor o Aquarium como altofalante da educación ambiental e da preservación do mundo mariño”, sinalou.

A mostra ​Aquarium Finisterrae: 2009-2019 ​poderase visitar até o 30 de xuño, no seu horario habitual de apertura nestas datas, como é de 10.00 a 19.00 horas todos os días –o último acceso é unha hora antes do peche, as 18.00 horas–. Para máis información sobre as actividades vinculadas tanto ao Aquarium Finisterrae, coma á Casa das Ciencias ou Domus, pódese visitar o web ​www.coruna.gal/mc2​.

A %d blogueros les gusta esto: