Ayuntamiento 03/25/2019

“O BNG compromete o seu apoio a UTACA para acondicionar o seu centro sociosanitario”

by Victor Lamela
O traballo que realiza UTACA ten unha relevancia social extraordinaria, e desde o BNG comprometémonos a apoiar as demandas da asociación”, manifestou Francisco Jorquera, candidato do BNG á Alcaldía da Coruña. “As instalacións están deterioradas e é necesario investir xa para solucionar as deficiencias”, insistiu o nacionalista, “porque se se quere normalizar a situación das persoas que padecen dependencias a drogas legais, o que non poden é estar confinadas nun edificio que por fóra máis ben parece un gueto”.
Jorquera subliñou que “o compromiso social do nacionalismo consiste, entre outras cousas, en darlle o máximo respaldo a asociacións como UTACA, e apoialas economicamente, tanto desde o Concello como desde a Xunta dunha maneira máis decidida”.

Durante a visita, na que estivo acompaño por Ignacio Bedoya, presidente do centro, e un dos dou psicólogos clínicos do equipo, Jorquera puido comprobar o deterioro da fachada, as barreiras á accesibilidade dun edificio que se construíu nos anos setenta, e mesmo as dificultades de mantemento da iluminación das salas. Os responsábeis de UTACA (Unidade de Tratamento do Alcohol e Condutas Aditivas) advertiron ao candidato que este é un centro dependente do SERGAS, que o mantén como centro de referencia para este tipo de patoloxías para toda a área sanitaria da Coruña (medio millón de habitantes) e que entre cinco profesionais e unha voluntaria veñen atendendo unhas 5.000 consultas anuais. Tamén insistiron en que o financiamento insuficiente (reciben 175.000 euros da Xunta, “nada da área de políticas sociais, malia que somos un centro sociosanitario”, e 32.000 euros do Concello da Coruña), e en que carecen de comunidade terapéutica, cando as patoloxías que tratan afectan un 10% da poboación.
UTACA, que ofrece programas de alfabetización dixital, club de lectura, cursos de cociña e charlas didácticas sobre cuestións de consumo, quere permanecer nas súas instalacións actuais e so piden “que nos arranxen a fachada, nin sequera o teito, e que nos cambien as luminarias rotas, porque non chegan os cartos para iso”.
Respecto da xestión do actual goberno municipal, lamentan que durante 4 anos o alcalde non os teña recibido e que desde a concellería de Xustiza Social os compromisos adquiridos, “mesmo a posibilidade de traslado a outro edificio que nos ofreceu a concelleira, ao parecer sen saber que tal edificio está tapiado e pechado”, nunca chegaron a concretarse.
Jorquera concluíu a reunión asegurando que “é intención do BNG, independentemente de cales sexan as súas responsabilidades de goberno, atender e escoitar a todos os colectivos que traballan no ámbito sociosanitario e resolver os problemas urxentes e as demandas, como estas, sensatas”.
A %d blogueros les gusta esto: