coruna 15th mayo 2019

O BNG creará o Consello Económico e fixará unha estratexia de reactivación do emprego

by Victor Lamela
“Contaremos co Colexio de Economistas da Coruña e desde o Concello faremos de panca para fomentar a relación e o debate entre distintos actores”, comprometeuse esta mañá Francisco Jorquera, o candidato nacionalista á Alcaldía da Coruña, durante un almorzo-coloquio no Colexio de Economistas no que presentou as propostas nacionalistas en materia de emprego e desenvolvemento económico. Esa panca na que o BNG quere converter o Concello para reactivar a economía da cidade e da área coruñesa contará cunha ferramenta inicial: o Consello Económico e Social. “Foi unha demanda de moitos dos actores económicos cos que sentamos a falar para preparar o noso programa, desde sindicatos até asociacións empresarias e colexios profesionais. Pensamos que pode ser o espazo no que definir a estratexia para relanzar a economía, mesmo empezar a pensar en mudar o modelo produtivo na área metropolitana, e volver a ter emprego e un emprego de calidade”, explicou Jorquera, que ademais aceptou o ofrecemento do Colexio de Economistas a participar desde o primeiro momento na creación “dun ecosistema no que traballar xuntos”, segundo expresou Marcelino Fernández-Mallo, un dos colexiados que participou no coloquio.

Antes, Jorquera trazou unha breve análise da situación da economía da comarca e do impacto da crise. “A crise agudizou a situación periférica de Galiza. E na Coruña, ademais, o proceso de concentración bancaria pasou unha factura maior, e por riba se perderon outras grandes empresas”, dixo o nacionalista antes de subliñar que “na cidade, a aposta por un modelo produtivo baseado nos servizos fixo que se esquecera a base industrial. E, ao fin, a resposta a crise foi precarizar as condicións das traballadoras, especialmente nos servizos”.
Que nova resposta dar a crise?
Diante da evidencia daquela resposta á crise, Jorquera reflexionou sobre que facer desde un concello como o da Coruña para buscar outras saídas. E falou de liderado político. “O primeiro que se pode facer desde un concello é liderar, facer de panca con outras administracións e cos axentes privados. Para iso hai que ter un plan. Cal é o plan? Nestes últimos oito anos non houbo plan”.
Jorquera e o BNG consideran que desde ferramentas como o Consello Económico e Social se poden empezar a definir estratexias e eixos “e empezar a traballar todos na mesma dirección”. “Para o BNG”, comentou o candidato, “os eixos a nivel comarcal son mirar para o sector industrial, modernizalo e revitalizalo. Mesmo a través de iniciativas como a tarifa eléctrica galega da que vimos falando como axuda á continuidade das electrointensivas como Alcoa ou Ferroatlántica. Tamén consideramos que hai que apostar en serio por iniciativas como a Cidade da TIC e institutos como o INIBIC que aportan coñecemento”. E engadiu, un día despois da xuntanza coa Confraría de Pescadores: “É preciso devolver á pesca e á actividade portuaria un papel relevante”, e anotou ademais “as posibilidades que ofrece vincular a cidade co potentísimo sector téxtil desde o punto de vista da marca de cidade”.
Francisco Jorquera participou tamén este mércores dun reparto de información electoral no barrio dos Mallos e mañá xoves ten previsto visitar a Escola de Relacións Laborais antes do mitin da tarde que se celebrará xunto ao Mercado das Conchiñas ás oito da tarde.
A %d blogueros les gusta esto: