coruna 14/08/2019

O BNG lémbralle ao Goberno Local que o acordo político de mandato asinado polas dúas formacións recollía o compromiso de “darlle a mellor solución legal e laboral posíbel á situación do persoal das bibliotecas co obxectivo de unificar a rede a través da xestión directa”

by Victor Lamela

O Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego no Concello da Coruña, logo de renunciar a Xunta de Goberno Local á encomenda a EMVSA da xestión das bibliotecas municipais, lémbralle ao Goberno Local que o acordo político de mandato asinado polas dúas formacións políticas recollía o compromiso de “darlle a mellor solución legal e laboral posíbel á situación do persoal das bibliotecas co obxectivo de unificar a rede a través da xestión directa”.

As nacionalistas entenden que o acordo de hoxe de Xunta de Goberno Local é un paso necesario para sacar un novo concurso e rematar coa incerteza da xestión do servizo cun contrato rematado hai oito meses e que ten como máximo prexudicado o persoal de empresa.

O Grupo Municipal do BNG manifesta que será exixente para que se cumpra o acordado e sinala que cómpre poñerse a traballar o antes posíbel na unificación da rede de bibliotecas a través da xestión directa. “Non queremos que volva pasar o tempo sen darlle unha solución definitiva á dobre rede: que terá que pasar necesariamente por unha xestión directa”, salientan desde a formación nacionalista.

 

A %d blogueros les gusta esto: