coruna 11th enero 2019

O BNG mantén unha xuntanza cunha representación do colectivo de expresos políticos franquistas que demandan a retirada da distinción honorífica de “Fillo Adoptivo” a Manuel Fraga

by Victor Lamela

O Grupo Municipal do BNG na Coruña vén de manter unha reunión cunha representación do colectivo de expresos políticos franquistas que esta semana presentaron un manifesto no que se demanda a retirada da distinción de “Fillo Adoptivo” a Manuel Fraga.

Deste xeito, a formación nacionalista trasladoulles o apoio á iniciativa e participoulles a súa colaboración para a difusión da mesma, despois de que este colectivo solicitara ao conxunto de partidos con representación no Pleno do Concello da Coruña, a posibilidade de manter un encontro con cada un deles para lles entregar de primeira man o manifesto Non queremos ao «Camarada Fraga» como Fillo Adoptivo.

Neste sentido, Bloque cualifica de “anomalía democrática” que a esta altura, no ano 2019, se manteña a distinción entregada a Manuel Fraga en plena ditadura, polos “servizos prestados” precisamente durante o réxime franquista, sen “cuestionarse desde as institucións democráticas a necesidade de aplicar rigorosa e necesariamente a Memoria Histórica, e eliminar de vez toda a simboloxía que aínda permanece, tanto aquela visíbel e que nos atopamos todos os días con ela, como os nomes das rúas ou a vidreira do Palacio Municipal, ou con toda aquela menos visíbel pero que honorifica e ensalza a persoas que contribuíron a sustentar e perpetuar o franquismo” sinalan desde o grupo nacionalista.

“Desde o BNG apoiaremos calquera iniciativa a este respecto ligada coa Memoria Histórica; o título honorífico de «fillo adoptivo» outorgado en 1968 non foi casual: distinguía e honraba, en plena ditadura, a un dos seus principais valedores e defensores, destacado falanxista e ministro a aquela altura. Non ten lóxica ningunha que o Concello da Coruña manteña este título. Precisamente, neste momento histórico, contra o fascismo non cabe nin un paso atrás, máis ben ao contrario”, conclúe a portavoz nacionalista Avia Veira.

A %d blogueros les gusta esto: