Ayuntamiento 7th febrero 2019

O BNG preguntará no Pleno do luns a respecto do modificativo de crédito para garantir os convenios con entidades e sobre as ordenanzas de Transparencia e da Renda Social e de Emerxencia

by Victor Lamela

O BNG presentou as preguntas para a súa resposta oral para o vindeiro Pleno ordinario de febreiro, que se celebrará este luns.

Deste xeito, a formación nacionalista en primeiro lugar quere trasladar a súa preocupación pola situación das entidades ante o máis que probábel rexeitamento da proposta de orzamentos municipais e que, en consecuencia, obrigará a seguir prorrogando os orzamentos de 2018 durante este ano.

Desde o Bloque lémbrase que isto dará lugar a que unha situación de incerteza para cos colectivos que anualmente asinan convenios co Concello e dos cales derívanse axudas e subvencións coas que realizan as actividades que programan.

“Xa temos amosado publicamente a nosa inquedanza a este respecto e mesmo no anterior Pleno de xaneiro aprobouse unha moción na que se demandaba do Goberno municipal tramitar con urxencia este modificativo, mais a aposta do Executivo é fialo todo á aprobación da súa proposta de orzamentos municipais para 2019 cando non ten chegado a ningún acordo para que isto aconteza. Neste sentido debemos garantir a continuidade das axudas que todos os anos reciben múltiples asociacións xa que logo pode poñer en risco as actuacións e actividades que estes colectivos realizan todos os días na cidade e mesmo a continuidade dalgunha entidade”, advirte a portavoz nacionalista no Concello Avia Veira.

As ordenanzas da Renda Social e de Emerxencia

Outra das preguntas que traslada a formación nacionalista pretende poñer en evidencia as incompatibilidades entre a aplicación da ordenanza da Renda Social e a ordenanza de Emerxencia Social.

Neste sentido, o BNG ven reivindicando ao longo deste mandato a reforma da ordenanza da Renda Social Municipal xa que logo, en aplicación de varios apartados desta regulamentación, impídese ser beneficiario da mesma en determinados supostos cando se está en situacións recollidas baixo a ordenanza da Emerxencia Social. Do mesmo xeito, advirten as nacionalistas, “seguimos pensando que a ordenanza da Renda acolle supostos que son moi difíciles de cumprir, como son aqueles relativos ao acceso a unha vivenda ou as situacións recollidas a respecto das unidades de convivencia, e que deben ser modificados, ou canto menos, levado de novo a estudo, entre outras cuestións, e, en consecuencia, queremos que a Área de Xustiza Social nos aclare se ten pensado impulsar a modificación destas ordenanzas “

A elaboración dunha ordenanza de Transparencia

Por último, o Grupo Municipal nacionalista preguntará se o Goberno local ten pensado aprobar antes do remate do mandato unha ordenanza de Transparencia.

O BNG quere lembrar que foi a propia a Marea Atlántica a que sinalaba, no programa co que se presentou ás eleccións municipais de 2015, o obxectivo da transparencia total. Publicación da información do Concello de xeito continuo: contas, axendas, concursos, axudas, contratos etc, “mais iso aínda non se concretou na elaboración dunha ordenanza que faga cumprir efectivamente o compromiso ineludíbel de calquera goberno municipal, alén do presente mandato, de ter unha práctica transparente e que lle obrigue a render contas a respecto de todos os procedementos e actuacións que realiza no seu labor. Pretendemos que a Marea Atlántica explique, se antes de maio, elevará a trámite unha regulamentación a este respecto”, conclúe a portavoz nacionalista Avia Veira.

A %d blogueros les gusta esto: