Uncategorised 3rd abril 2019

O BNG propón crear ‘clubs de produto’ para desestacionalizar a oferta turística

by Victor Lamela
“Como en outros ámbitos, as políticas de turismo hai que desenvolvelas desde unha visión comarcal”, dixo esta mañá nun almorzo coa Asociación de Jóvenes Empresarios de A Coruña (AJE), Francisco Jorquera, candidato nacionalista á Alcaldía, no que avanzou algunhas das medidas do programa co que BNG se presenta ás municipais de maio.
Os empresarios botan en falta unha planificación específica pero que non limite o turismo no marco de políticas de promoción económica porque, din, as políticas que afectan ao turismo dependen de moitos máis ámbitos. “Por exemplo, a mobilidade”, responde Jorquera. “É sabido que unha cidade amábel, unha cidade accesíbel, na que se pense antes nos peóns e no transporte público, con rúas vivas e un tecido comercial vizoso, é un incentivo para o turismo”.

O candidato nacionalista indicou que o BNG levará ao seu programa electoral a proposta dun Plan director de calidade turística que, entre outras cuestións, atenda “á posta en valor da Cidade Vella, desde as intervencións máis pequenas, como a sinalización, até a recuperación do patrimonio”, e que atenda tamén a creación “dunha marca da cidade que nos distinga”. O BNG levará no seu programa actuacións como unha marca de produto fresco vinculada á pesca, ou a promoción turística a partir de ‘clubs de produto’, paquetes turísticos dirixidos a públicos concretos en colaboración co sector. Todo isto, “coa idea de desestacionalizar o turismo na cidade, e diversificar os públicos”, sinalou Jorquera.
Participación, área metropolitana e liderado
Os empresarios preguntaron tamén polas propostas do BNG en materia de participación, que Jorquera resumiu “en manter un contacto permanente e fluído entre os colectivos e o Concello”. E engadiu: “non só a través dos diferentes consellos sectoriais que estamos avanzando, como o Consello Económico Municipal ou o Consello Municipal de Cultura, que garantan unha participación real das asociacións na toma de decisións, senón tamén por medio dos consellos de barrio ou outros canais como dar resposta a todas as demandas que chegan ao Concello, algo sinxelo pero que parece que non se está atendendo”.
Jorquera falou ademais de mobilidade e da visión comarcal que ten o BNG nesta cuestión e subliñou “a vontade política” das nacionalistas, “en todos os concellos da comarca e en todo o país, de buscar a cooperación comarcal na ordenación do territorio, na xestión de residuos ou no transporte”.
Por último, o candidato nacionalista insistiu na necesidade de que “o Concello lidere un novo proxecto para A Coruña” buscando “o máximo consenso” con todos os actores organizados na sociedade.
A %d blogueros les gusta esto: