coruna 14th abril 2019

O BNG ve prioritario superar o déficit das infraestruturas ferroviarias

by Victor Lamela

“Esta estación intermodal tantas veces prometida e nunca concretada é só unha parte da discriminación histórica que padece a cidade en materia de infraestruturas ferroviarias. Pero ademais é unha actuación particularmente urxente para a dinamización deste barrio dos Mallos”, valorou Francisco Jorquera, candidato do BNG á Alcaldía, que compartiu un reparto no mercadiño matinal na Sardiñeira.

Jorquera considera que a cidade “non pode permitirse a situación que se deu nestes últimos catro anos”. E lembrou que, por unha banda, as deputadas e deputados galegas que obtiveron representación nas Cortes “non tiveron capacidade de incidencia e estiveron sometidos ás directrices dos partidos estatais”; mentres que o goberno municipal da Coruña foi “incapaz de dialogar co Goberno central e coa Xunta para chegar a un acordo e impulsar a intermodal.”

“A Coruña e a súa comarca levan anos padecendo un déficit nas infraestruturas ferroviarias, non houbo respostas ás necesidades da cidade por parte dos sucesivos gobernos do PP e do PSOE”, dixo María Xosé Bravo, a número 2 ao Congreso. A candidata nacionalista concretou as demandas históricas da Coruña neste ámbito: “unha rede de cercanías eficiente, modernizar as conexións por tren con Ferrol e con Lugo, e ampliar a rede para dar servizo ao porto exterior”.

A %d blogueros les gusta esto: