Deportes, Trafico 03/04/2019

O carril bici da Coruña alcanzará, este primeiro semestre do ano, os 35 quilómetros

by Victor Lamela

Antes de que remate o primeiro semestre deste ano, a rede de carril bici da Coruña chegará aos 35 quilómetros, conseguindo unha extensión que duplica a que presentaba a cidade en 2015. Así o anunciou este venres en rolda de prensa o concelleiro de Mobilidade Sostible, Daniel Díaz Grandío, que salientou a forte aposta do goberno local ao longo de todo o mandato por fomentar a mobilidade branda na cidade, por incrementar o uso da bicicleta non só como ocio, senón tamén como forma de transporte non contaminante e por dar continuidade a unha rede de tramos inconexos até o 2015. “Hai catro anos, a cidade sumaba 17,3 quilómetros de carril bici que, ademais, non estaban conectados. Os tramos máis longos, como o do Paseo Marítimo, tiñan un marcado carácter lúdico e deportivo, xa que non se pensaba na bici como unha alternativa ao transporte”, explicou o edil, que manifestou que o obxectivo do executivo municipal para este mandato era “o de implantar unha infraestrutura máis funcional, así como interconectar os tramos mediante carrís colectores ou principais que vertebren a rede”. “Agora, acometidas as principais conexións e novos tramos deseñados, principalmente en zonas con nula pendente e, polo tanto, con maior potencia de atracción de ciclistas, iniciaremos unha segunda fase, con novos proxectos”, explicou o concelleiro, que sinalou que a previsión do goberno local pasa por rematar os percorridos ciclables de Palloza-Matogrande e a conexión metropolitana na primeira metade do ano, para logo dar paso a actuacións en oito tramos máis na contorna das glorietas de Ramón y Cajal e Casa do Mar, na avenida de Arteixo, na Intermodal, nas rúas Puga y Parga, Mariscal Pardo de Cela e Fernández Latorre así como no actual carril bici universitario, “no que se proxecta un fondo traballo de mellora debido ás carencias no seu deseño orixinal”.

Tramos executados ou a piques de acabar

O concelleiro Grandío incidiu en que, ademais de estar en disposición de rematar nesta primeira metade de ano a conexión metropolitana de carril bici, que enlaza a Mariña coa Ponte Pasaxe a través de San Diego, e o tramo Palloza Matogrande, ao longo deste tempo tamén se deixaron listos ou en trámite de rematar outros treitos. Así, o edil recordou as etapas de carril bici concluídas xa na avenida Pablo Picasso e na rolda de Outeiro, así como no entorno de Náutica e no Ofimático. “Tamén temos en marcha a actuación necesaria para dar contunidade e conexión ao carril bici feito pola Xunta de Galicia na estrada de Baños de Arteixo”, apuntou.

Non obstante, Díaz Grandío evidenciou a intención do goberno local de seguir avanzando na construción de novos tramos de enlace na cidade. Así, manifestou a importancia de que as obras previstas para a construción de glorietas en Ramón y Cajal e na Casa do Mar conten con carril bici, “algo moi importante, tendo en conta que estas actuacións van humanizar todo este espazo, xerando novos itinerarios peonís e para bici que, ademais, van encamiñados a xerar grandes nodos que enlacen cos grandes proxectos dos carrís bici, o metropolitano, o da Palloza e o universitario”. “A previsión municipal é que estes dous tramos se poida executar no curto prazo”, indicou o edil.

No medio prazo, Grandío chamou a atención sobre novos tramos, en concreto, o localizado na avenida de Arteixo e o que irá aparellado ás obras para os accesos da Intermodal. “O primeiro tramo, na avenida de Arteixo, fará que o carril bici conecte co barrio de Vioño, mentres que o proxectado na zona afectada polas obras da Intermodal vai establecer unha conexión entre Vioño e a Sardiñeira”, comentou. Ademais destes dous novos itinerarios, Mobilidade Sostible tamén traballa noutro proxecto que, neste caso, enlazará carrís que se habilitarán nas rúas Puga y Parga, Mariscal Pardo de Cela e Fernández Latorre, “de forma que se creará un itineario continuo, que nacerá, precisamente, no nodo xerado na rotonda de Ramón y Cajal e que irá a desembocar na parte baixa do barrio dos Mallos e na contorna dos novos xulgados”. “Por último, e á marxe destas intervencións, tamén cremos moi importante favorecer o transporte en bici dos e das universitarias, motivo polo que imos acometer unha mellora substancial do carril bici que conecta co campus de Elviña”, engadiu.

Uso en alza

Por outro lado, o titular de Mobilidade Sostible tamén indicou que o Concello da Coruña colocou distintos aforadores en tramos do carril bici, similares aos que se usan para determinar a intensidade media de tráfico rodado nas principais vías do país. “O colocado no tramo de carril bici xa existente en Linares Rivas arroxa un resultados moi positivos sobre o uso en aumento desta infraestrutura que, ademais, supoñemos que medrará de forma considerable durante o verán”, comentou o edil, que salientou que entre o 14 e o 24 de febreiro contabilizouse neste tramo unha intensidade media diaria de 739 bicicletas, o que constitúe un 1,3% do tráfico que pasa por esa vía. “Tratase dunha porcentaxe moi relevante en este estado inicial de apertura da infraestrutura, tendo en conta que en cidades onde o uso da bici está moito máis normalizado, como é Vitoria, Sevilla ou Donostia, esta porcentaxe está entre o 3 e o 6%”, explicou.

Segundo comentou o concelleiro os maiores picos semanais no uso do carril bici rexístranse de xeito continuado durante todolos días da semana incluíndo os días laborables, obxectivo para converter a bicicleta nun modo de transporte cotiá como alternativa de mobilidade non recreativa. “Existiron, ademais, días onde chegamos aos 950 traxectos contabilizados”, dixo.

Por último, o edil quixo aclarar que os carrís bici construídos “están inspirados en estudos e deseños refutados para estas infraestruturas”. “A este respecto hai que incidir na solución que se deu para o carril ao paso polas marquesiñas e paradas do bus. Neste caso optamos por dar dúas opcións á persoa ciclista, ou ben pode, tal e como está sinalizado, incorporarse á calzada inmediatamente antes ou ben acceder á beirarrúa para pasar por detrás da parada de bus respectando á prioridade peonil”, aclarou, “deste xeito dase cobertura a aqueles usuarios máis habituados a circular en bici pola calzada como a aqueles que se suben por vez primeira á bicicleta e precisan dun itinerario máis protexido. “É unha decisión baseada noutros carrís bici xa en uso xa que, se o trazado se realizase en continuidade coa traxectoria do carril bici, pasando por diante da marquesina, aumentaría tamén a inseguridade para os e as usuarias que baixan do transporte público”, explicou.

A %d blogueros les gusta esto: