Uncategorised 18/07/2020

O Castro de Elviña permitirá que as e os universitarios se enfronten a un proxecto de excavación real

by Victor Lamela

O concelleiro de Cultura, Jesús Celemín, presentou as prácticas do Máster de Arqueoloxía no Castro de Elviña, unha novidade dentro do plan educativo da Universidade, en que un grupo de dez estudantes se enfrontan ao longo deste verán a un proxecto de excavación como o do xacemento coruñés con todas as problemáticas específicas.

Neste aspecto, o edil sinalou a importancia de pór en valor este asentamento pola súa natureza única, que vén determinada polas doce hectáreas de terreo que ocupa e mais polo seu valor arqueolóxico. Pola súa parte, o arqueólogo municipal, Marco Antonio Rivas, destacou que a cidade ten poucos restos desde o punto de vista arqueolóxico, pero “son moi importantes: está a Torre de Hércules, o convento San Francisco e o castro, único porque ser dos poucos que se conservan da Idade de Ferro e que confirma que os galaicos eran capaces de organizar un espazo”.

O responsable engadiu que toda a documentación que se recolleu desde 1947 corrobora a súa monumentalidade e os traballos que están levando a cabo na actualidade no cuarto sector teñen como obxecto que as e os visitantes se decaten desa grandiosidade, ademais de facer a entrada máis accesible pola parte baixa cun camiño máis transitable: “Estamos realizando unha sondaxe de como se configura esta parte e que profundidade ten para continuar con traballos de excavación en área e a súa restauración posterior”. Rivas indicou que serán tres ou catro anos de excavación.

Por outro lado, retomáronse as visitas guiadas, que por motivos de seguridade, se teñen que concertar previamente a través do teléfono do Museo Arqueolóxico do Castelo de San Antón, 981 18 98 50. Están limitadas a un grupo máximo de 20 persoas e durante este mes terán lugar os xoves, ás 20.30 horas, e os sábados e domingos ás 12.00 horas, agás os festivos. En agosto e setembro suprimiranse as sesións dos xoves e a partir de outubro, serán unicamente os domingos, ás 12.00 horas.

A %d blogueros les gusta esto: