coruna 14/09/2020

O ciclo Sen Numerar retoma a súa programación de espectáculos teatrais no Fórum Metropolitano

by Victor Lamela

O ciclo Sen Numerar retoma a súa programación de espectáculos teatrais no Fórum Metropolitano despois do aprazamento do ciclo de primavera polo coronavirus. Este programa de outono 2020, que comeza o próximo venres 18 cunha traxicomedia ecosustentable, está formado por obras de temáticas marcadamente sociais e moi actuais, vencelladas na súa maioría ao mundo feminino desde moi distintas perspectivas e con estilos que van da comedia ao drama, e do documento histórico á máis rabiosa actualidade.

Sen numerar é un ciclo de teatro para o público xuvenil e adulto que lle permitirá vivir propostas escénicas dun xeito más próximo. As e os espectadores poderán desfrutar así de grandes traballos en pequeno formato cos que gozarán de excelentes propostas teatrais nun ambiente case íntimo, onde o traballo actoral se potencia e enriquece coa proximidade da xente á que lle proporcionan unha experiencia diferente, permitindo que se concentre no texto e na actuación dunha maneira moi vivencial e emocionante. Todos os espectáculos serán os venres ás 21.00 horas.

Este ciclo ampliarase en horario lectivo con sesións para estudantes dos ciclos de Secundaria e Bacharelato.

Son espectáculos vinculados fundamentalmente á oferta da Rede Galega de Teatros e Auditorios e a maior parte deles formaban parte do programa de primavera de 2020 que tiveron que aprazar por causa do coronavirus. Nesta nova tempada implantáronse todas as medidas hixíenico-sanitarias previstas na lexislación vixente co fin de garantir a seguridade das e dos asisentes sen que se perda a súa esencia e calidade.

Tras a representación da Compañía Iboprufeno Teatro, o venres 9 de outubro será a quenda de El Sol de York coa peza “Chicas y Chicos”, cun texto feminista e inclusivo, conmovedor e duro á vez sobre as mulleres, os teitos de cristal e a violencia machista, escrito por Dennis Kelly e dirixido por Lucía Miranda, a últimagañadora do premio “Ojo Crítico”.

A compañía Pérez&Fernández porá sobre o escenario o 23 de outubro a obra “Os nenos da varíola”, unha proposta escénica con altas doses de realidade histórica, tenrura e humor que toma como eixe central a vida dos nenos da Casa de Expósitos da Coruña, os verdadeiros protagonistas desta expedición.

O venres 30 de outubro, Verdeveras Expresións Artísticas, en coprodución co Centro Dramático Galego, representará “Crónica dunha heterosexual insatisfeita”.

Lucecús Teatro representará o día 13 de novembro “Minotaurus Vulagaris”, onde xogarán a descubrir múltiples camiños que nos levan a outras tantas interpretacións posibles e, por último, o venres 11 de decembro, chegará ao Fórum, da man de Aporía Escénica, a obra “30 e tantos osos”, baixo a dirección de Diana Mera.

ENTRADAS
As entradas custan nove euros, sete euros para as/os usuarias/os do carné xove, as/os maiores de 65 anos e persoas desempregadas. A venda realizarase a través de www.corunacultura.sacatuentrada.es, no teléfono 662 867 109 (de 9.00 a 00.00 horas); no despacho da praza de Ourense, de luns a venres, das 09.30 ás 13.00 horas e das 16.30 ás 19.30 horas; e no despacho de billetes do Fórum, durante os días de función e desde unha hora antes, sempre que queden entradas dispoñibles.

A %d blogueros les gusta esto: