coruna 17th junio 2018

O CMIX organiza durante o verán o ciclo ‘Móvete’ de actividades que afondan nas oportunidades de mobilidade dispoñibles para a mocidade

by Victor Lamela

​A Concellería de Participación e Innovación Democrática organiza ​Móvete​, un ciclo de actividades sobre a mobilidade dos mozos e das mozas que o Centro Municipal de Información á Xuventude (CMIX) acolle durante o verán co obxectivo de visibilizar a súa oferta de recursos e servizos neste eido. “A mocidade da Coruña dispón no CMIX no que se lle proporciona información para a planificación de viaxes e as oportunidades que existen para vivir unha experiencia de traballo ou voluntariado no estranxeiro, un espazo que queremos poñer de relevo e completar con estas actividades”, indica a responsable da concellería, Claudia Delso.

Durante os meses de verán levaranse a cabo catro obradoiros gratuítos –para os que é necesaria a inscrición previa na web ​www.coruna.gal/cmix –, un encontro, un concurso e unha exposición, ademais do sorteo dun paso de interrail. O primeiro dos talleres, que terá lugar o día 22 de xuño, estará centrado na creación de blogs de viaxe. Haberá tamén un obradoiro sobre a iniciación ao mundo das viaxes en bicicleta, que se celebrará o 5 de xullo, outro arredor das claves para organizar unha viaxe de interrail previsto para o 12 de xullo, e un último adicado as técnicas de fotografía para viaxes, que terá dúas xornadas o 17 e 0 18 de xullo. Todos eles celebraranse no Fórum Metropolitano.

A programación complétase cun encontro viaxeiro no que Iria Prendes contará a súa experiencia cruzando en bicicleta 12.000 quilómetros de América do Sur, a través de cinco países ata chegar a Ushuaia, que terá lugar o día 28 de xuño. Ademais, as mozas e mozas que o desexen poden participar na XV edición do concurso de fotografías de viaxe Viaxarte, cuxo prazo de presentación das imaxes estará aberto entre o 2 de xullo e o 3 de setembro. Xa no outono, do 5 ao 27 de outubro, a sala Plataforma14, situada no Fórum Metropolitana, acollerá a mostra das fotografías que se presenten ao concurso.

Toda a información do ciclo de actividades Móvete está dispoñible na páxina web

www.coruna.gal/movete

A %d blogueros les gusta esto: