coruna 15/01/2016

O concelleiro de Emprego destaca “a vontade de superación” dos e das comerciantes locais na entrega dos premios de escaparatismo

by Victor Lamela

O concelleiro de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, entregou os premios aos comercios gañadores do Concurso de Escaparatismo de Nadal, posto en marcha polo seu departamento e no que participaron preto de 80 establecementos de toda a cidade e 28 asociacións do sector. O responsable municipal recordou que se trata dun certame que, como outras moitas accións postas en marcha por este Goberno,“ten por obxecto promocionar a imaxe do comercio local e dinamizar o sector”. “Xuntámonos aquí para poñer en valor o esforzo do comercio local por coidar dos seus negocios, do deseño e da imaxe, que a fin de contas é indicativo do cariño destes profesionais a súa clientela, como amosa o escaparate do comercio gañador, Amado Motor, en Monte Alto” indicou. “Queremos agradecer a vontade de superación deste tipo de comercio, á formación do seu persoal, o coidado na calidade do emprego e a súa participación nas distintas accións de dinamización do sector promovidas dende o Concello, salientou.

unnamed

Os establecementos que se presentaron a este concurso comprometéronse a ter preparado o 1 de decembro os escaparates dos seus comercios, que incorporaban na súa decoración algún elemento relacionado co Nadal. Na segunda semana do mes, un xurado formado por profesionais do sector visitou os negocios participantes para, posteriormente, elixir cinco finalistas, atendendo a criterios de atractivo visual, correcta composición e claridade da mensaxe a transmitir. Para favorecer a participación cidadá neste certame, así como involucrala no fomento do comercio de proximidade, o premio final foi outorgado polos veciños e veciñas, que mediante unha votación popular na rede, determinaron o posto no que quedaron os establecementos finalistas.

Así, cun 23% dos votos, o gañador desta edición do Concurso de Escaparatismo foi Amado Motor ­­establecemento ubicado en Monte Alto e onde se levou a cabo a entrega de premios­­, que recibiu un premio de 2.000 euros como primeiro clasificado e de 1.000 euros en concepto de finalista. Pertence á Asociación de Empresarios 15002, que tamén recibiu un galardón de 1.000 euros.

En segunda posición, cun 22% dos votos, quedou Floristería Final, da Asociación de Veciños e Comerciantes de Monte Alto, seguida de Jerry, The Candy Man, con outro 22% dos votos da Asociación Zona Obelisco. O terceiro finalista, da Área Comercial As Conchiñas e un 20% de apoios, foi Bella con B. Como cuarto finalista foi escollida, cun 13%, Tres Jolie, tamén da zona Obelisco. As asociacións empresariais ás que pertencen as finalistas recibiron, a súa vez, outro premio de 500 euros.

Tal e como estaba nas bases do concurso, a concellería tamén entregou un cheque de 300 anos a unha das votantes on line do certame de escaparatismo, que foi elixida por sorteo.

A %d blogueros les gusta esto: