coruna 29th junio 2018

O Concello aborda a renovación do pavimento da calzada do derradeiro tramo que se executará dentro do proxecto de rexeneración urbana no entorno rolda de Outeiro, entre as avenidas de Arteixo e o Ferrocarril

by Victor Lamela

O goberno local deu verde esta semana a adxudicación das obras polas que se procederá á renovación do pavimento da calzada do tramo da rolda de Outeiro comprendido entre as avenidas de Arteixo e o Ferrocarril, o que tamén inclúe a glorieta e nó viario desta última. Cun orzamento de algo máis de 154.000 euros e un período máximo de execución de dous meses, o concelleiro de Rexeneración Urbana, Xiao Varela, manifestou que se trata do derradeiro tramo no que intervirá o Concello dentro do proxecto posto en marcha para renovar e rehabilitar as calzadas da Rolda de Outeiro. Segundo comentou o edil, con esta actuación e só no que atinxe á repavimentación de calzadas, así como melloras puntuais en beirarrúas, pasos de peóns e paradas de autobús, o executivo municipal leva investido nesta vía preto de 830.000 euros repartidos en 2.130 metros de lonxitude da rolda.

O groso desta actuación consistirá na repavimentación da calzada co fresado da capa superficial da mesma na súa totalidade, para poder corrixir as deficiencias existentes. Non obstante, a degradación do firme neste tramo é máis apreciable nalgúns treitos, onde se actuará de forma máis profunda, como, por exemplo, na intersección con Francisco Catoira na que se acometerá a demolición da calzada existente de formigón para proceder á reconstrución completa do firme. Existen outros puntos (como sucede coa beira dereita da calzada que fai interseccións con Capitán Juan Varela, Ángel del Castillo, Menéndez Pidal e Marqués de Figueroa), onde a rehabilitación do firme tamén será máis extensa dado o intenso tránsito desta parte da rolda. A intervención complementarase coa reposición da sinalización horizontal da zona, así como coa elevación e regularización das tapas dos servizos urbanos de subsolo (que serán substituídas por outras novas no caso dos servizos de titularidade municipal).

Repavimentación na Rolda

Con anterioridade a esta actuación, o Concello acometeu obras análogas de renovación no treito que discorre entre as interseccións da avenida do Ferrocarril e a rúa da Mercede (por un montante de 386.613 euros que tamén inclúe a construción de 475 metros de carril bici, que se situarán entre a avenida Pérez Ardá e a rúa Mercede) e o espazo comprendido entre as avenidas de Fisterra e Arteixo (neste caso por un orzamento de execución de 240.000 euros). Neste último treito tamén se sumaron actuacións por valor de 40.000 euros centradas na mellora da accesibilidade nos pasos de peóns.

Por outro lado, e segundo recordou Varela, entre as actuacións complementarias ao proceso de repavimentación entre a avenida do Ferrocarril e a Mercede tamén se acometeu unha mellora de seguridade e accesibilidade no cruce de peóns ao final da rúa José González Chas, que recolle os tránsitos cara a recentemente renovada rúa Montiño e a rúa Mercede. Esta intervención supuxo un investimento de de 9.000 euros.

A %d blogueros les gusta esto: