coruna 03/07/2016

O Concello abre a convocatoria para a asignación de usos das instalacións deportivas municipais para actividades físicas e deportivas durante a tempada 2016/2017

by Victor Lamela

A Concellería de Culturas, Deporte e Coñecemento vén de abrir a convocatoria de asignación de usos das instalacións deportivas municipais xestionadas de forma directa polo Concello para o desenvolvemento de actividades físicas e deportivas de iniciativa privada e a concesión, no seu caso, de patrocinio municipal de tales usos para a tempada 2016/2017, co obxectivo de fomentar e promocionar a práctica deportiva na cidade. A asignación, indican as bases da convocatoria, farase a favor de entidades deportivas e demais asociacións sen ánimo de lucro, que poderán presentar a súas solicitudes ata o día 15 deste mes.

A convocatoria atinxe a 47 instalacións deportivas da cidade, como son as aulas do Pazo dos Deportes e da Torre, os campos de fútbol municipais, os frontóns de Riazor e da Torre, ximnasios dos polideportivos, piscinas, pistas de pádel, chave, tenis, patinaxe e atletismo, así como polideportivas, salas de boxeo e musculación de distintas instalacións ou o rocódromo do frontón municipal. Os requisitos para obter o patrocinio municipal nas actividades que motivan o uso da instalación vincúlanse á realización de actividades deportivas –que se entenden como exercicio físico regulado, cuxo obxectivo principal é a participación e consecución dun resultado deportivo en competicións, tanto no ámbito federativo como outras recoñecidas pola administración autonómica– e actividades físicas, promovidas por entidades públicas, privadas sen ánimo de lucro e centros educativos concertados para a mellora da condición física ou ocupación activa do tempo de lecer das persoas participantes.

Os usos que se concedan nas instalacións estenderanse desde o 1 de setembro de 2016 ao 30 de xuño de 2017 ou, no caso dos campos de fútbol municipal, desde o 1 de setembro de 2016 ata o 30 de maio de 2017. Eses usos, segundo se establece nas bases, distribuiranse sobre as franxas horarias que estean dispoñibles unha vez se realicen as ocupacións a favor do Servizo Municipal de Deportes e Mocidade para o desenvolvemento das súas propias actividades. O Concello poderá ademais modificar ou suspender puntualmente os usos, en función das necesidades do Servizo de Deportes e Mocidade.

As solicitudes deberán facerse empregando o modelo dispoñible na web municipal e deberán presentarse por vía electrónica (preferentemente) ou a través dos Rexistros de Entrada das instalacións deportivas municipais (C.D. Riazor, polideportivo do Barrio das Flores, C.D. da Torre) ou en calquera Rexistro municipal. O prazo para a entrega de solicitudes remata o 15 de xullo ás 13.30 horas. O prazo máximo de resolución e comunicación da resolución de tales usos será de tres meses a partir do remate do prazo de solicitudes. A proposta de resolución notificarase aos e ás interesadas mediante anuncio público no Taboleiro de Edictos do Concello, os taboleiros do Servizo de Deportes e Mocidade e na web municipal de Deportes, e haberá un prazo de 10 días para a presentación de alegacións.

As bases da convocatoria, así como toda a información, pode consultarse na web municipal: www.coruna.es/deportes

A %d blogueros les gusta esto: