coruna 11th abril 2018

O Concello abre o período de inscrición para participar no Foro Cidadán Tecendo Litoral, “un espazo de reflexión e debate participado sobre os futuros usos dos peiraos da cidade”

by Victor Lamela

​A veciñanza que desexe participar, de xeito completamente gratuíto, no Foro Cidadán Tecendo Litoral, ​que se celebrará na cidade os próximos días 27 e 28 de abril, xa pode inscribirse a través do espazo web municipal habilitado a tal efecto na direcciónwww.coruna.gal/tecendo-litoral/gl​. O obxectivo deste evento é conformar un espazo de reflexión aberto á cidadanía que servirá para presentar o resultado dos traballos de estudo e investigación realizados na primeira fase do proxecto ​Tecendo Litoral. ​Investigación e diálogo sobre o futuro da Coruña e os seus peiraos​, con propostas de usos para os terreos portuarios, que se debaterán entre as persoas participantes. As xornadas, que se celebrarán en Palexco, contarán ademais con opción de servizo de conciliación (para o cal tamén será precisa a incrición previa) e interpretación en lingua de signos. Así o anunciou a concelleira de Participación, Claudia Delso, titular dunha das áreas de goberno impulsoras deste proceso, xunto coa a de Rexeneración Urbana. “Ademais de abrir o prazo de inscrición, está xornada vimos de reformar a páxina web, de cara a achegar máis información á cidadanía sobre este proceso e as diversas formas de participación”, explicou a responsable municipal, que tamén adiantou que o Concello enviará nos próximos días convites a todas as institucións, entidades sociais da cidade e do terceiro sector co obxectivo de que participen neste foro, “que quere repensar a cidade do futuro entre todos e todas”.

O proceso ​Tecendo litoral ​arrincou no mes de novembro de 2017 cunha análise en profundidade, a través dun estudo técnico, da documentación legal e urbanística existente así como de exemplos doutras cidades do mundo que acometeron trasformacións portuarias de xeito participativo, innovador e sostible. A primeira fase completouse cun traballo de campo cos axentes implicados da cidade e a súa área metropolitana, a través de grupos de discusión e entrevistas con axentes institucionais, económicos, entidades sociais, medioambientais e aquelas cunha estreita relación co mar. “A vontade de diálogo continúa nesta segunda fase do proceso coa celebración do Foro Cidadán, que servirá para recoller o sentir da cidadanía e tamén para presentar os resultados da primeira fase do proceso, así como para escoitar a voces expertas no eido da transformación portuaria doutras cidades como Barcelona, Bilbao, Saint Nazaire e Valencia”, indicou a concelleira, que recordou que o programa completo estará dispoñible na web de Tecendo o Litoral a partir da próxima semana.

Ademais, está previsto que no mes de maio se presente un documento final con toda a información xerada, tanto na primeira como na segunda fase deste proceso, así como unha folla de ruta con recomendacións para seguir a negociación e a articulación do futuro da fachada marítima coruñesa.

A %d blogueros les gusta esto: