coruna 18/05/2016

O Concello abre o prazo de inscrición para a segunda convocatoria do programa Acoreuropa, que permite a estudantes de FP facer prácticas laborais no estranxeiro

by Victor Lamela

O Concello da Coruña abrirá o próximo 18 de maio o prazo de inscrición para a segunda convocatoria do programa Acoreuropa IV, que permite que estudantes de ciclos medios de Formación Profesional (FP) da cidade poidan realizan prácticas laborais durante tres meses en empresas de Irlanda do Norte, República de Irlanda, Italia, Austria, Portugal e Polonia. Nesta ocasión, a Concellería de Xustiza Social e Coidados, dirixida por Silvia Cameán, oferta 20 prazas a través do Servizo Municipal de Educación.

O programa está dirixido a titulados e tituladas en ciclos medios de FP e desenvolverase até xuño de 2017 en dúas convocatorias. Na actualidade, 30 alumnos e alumnas, que remataron os seus estudos de ciclo medios en xuño ou decembro de 2015, están xa en estadías por Europa. A previsión é que regresen entre os días 28 e 29 de xuño. A segunda convocatoria, de 20 prazas, está reservada para estudantes que titulen durante o primeiro trimestre e en xuño de 2016.

Os e as alumnas que obteñan este ano o seu título de ciclo medio de FP nalgún dos centros públicos da cidade (CIFP Ánxel Casal, CIFP Paseo das Pontes, CIFP Someso, IES A Sardiñeira, IES Ramón Menéndez Pidal, IES Urbano Lugrís, IES Calvo Sotelo e IES Fernando Wirtz), ou nos concertados (Fogar de Santa Margarida, Grande Obra de Atocha, Liceo La Paz ou o Centro de Formación da Cruz Vermella), que colaboran co programa Acoreuropa.

A inscrición correspondente a esta segunda convocatoria abrirase do 18 ao 31 de maio, estando previsto que o proceso de selección dos e das participantes se leve a cabo durante os meses de xuño e xullo. As persoas seleccionadas poderán facer as súas prácticas laborais no estranxeiro entre setembro e decembro de 2016. A solicitude pode facerse a través da web educativa do Concello (w ww.edu.coruna.es) a través dunha ficha e presentando a documentación exixida nos rexistros municipais.

As 20 bolsas que se ofertan nesta segunda convocatoria distribúense do seguinte xeito: tres prazas para Belfast (Irlanda do Norte); outras tres para Cork (República de Irlanda); cinco bolsas para Florencia (Italia), seis repartidas entre Lisboa (Portugal) e Cracovia (Polonia), e tres máis para Viena (Austria).

As bolsas inclúen todos os gastos: as viaxes de ida e volta, o aloxamento, un seguro de accidentes e sanitario. Ademais, as persoas participantes recibirán unha cantidade económica para a súa manutención e estadía. Esta contía pode oscilar entre os 600 e os 1.000 euros mensuais dependendo do país de destino. Máis información na dirección http://ow.ly/QuCA300fo26.

A %d blogueros les gusta esto: