coruna 03/12/2015

O Concello abre un novo proceso participativo para establecer canles de comunicación coa xuventude e deseñar as políticas públicas de forma conxunta para este sector da poboación

by Victor Lamela

A concelleira de Participación e Innovación Democrática, Claudia Delso, avanzou na mañá deste mércores que o Concello iniciará un novo proceso participativo dentro do programa ‘A Porta Aberta’ dirixido á mocidade, unha das áreas sobre as que ten competencia o seu departamento, para establecer canles de comunicación que axuden a deseñar as políticas municipais nesta materia. “Cremos que a xente moza é un deses colectivos dos que moito se fala pero case nunca ten a súa voz. Desde o Concello queremos reverter esa situación, para que a mocidade tome a palabra e nos fale de como vive a cidade e como quere que sexa”, expuxo a responsable municipal.

unnamed

“O proceso pretende servir para que xuntos e xuntas pensemos as políticas públicas para a xuventude desta cidade”, indicou Delso durante a presentación de hoxe, na que expuxo as fases desta acción, que se desenvolverá ao longo de todo o ano que ven, e na que xa está levando a cabo, por parte do Concello, unha primeira análise de todas as actividades e programas municipais neste eido nas diferentes áreas. Como avanzou, a segunda fase ábrese mañá xoves, ás 20.00 horas, cun encontro no Espazo de Iniciativas Xuvenís, EIX (rúa do Matadero, 68, baixo) –“un deses espazos un tanto invisibilizados”, lamentou a concelleira– que ten como finalidade achegar a concellería e as súas competencias ás persoas e entidades participantes e xerar un espazo de comunicación directo e multidireccional entre a xuventude, o tecido asociativo e a administración, ademais de detectar as demandas e necesidades deste sector da poboación. “A mocidade é unha prioridade para o Goberno local, que pretende traballar con este colectivo a través de todas e cada unha das concellerías, nomeadamente da de Participación e Innovación Democrática, onde temos a intención de facer da mocidade un traballo transversal, como así é tamén a natureza da nosa concellería”, destacou a concelleira.

Delso lembrou tamén que este proceso participativo, que se retoma en xaneiro despois do encontro de mañá, encádrase no programa municipal ‘A Porta Aberta’, un dos canais de participación que pon en marcha a Concellería para que a cidadanía poida ser parte, dun xeito activo e co­responsable, das decisións estratéxicas da cidade e das políticas municipais do Concello. “Para que entre todas e todos poidamos achegar a nosa visión sobre decisións que afectan aos nosos barrios, a nosa vida e a nosa cidade”, resumiu.

Para participar na xuntanza no EIX é preciso inscribirse a través dun correo electrónico juventud@coruna.es antes das 12.00 horas de mañá, xoves, no formulario de inscrición no que deberá constar o nome e apelido da persoa participante e a asociación ou entidade á que pertence, en caso de que así sexa. Máis información no espazo de ‘A Porta Aberta’ na web municipal (w ww.coruna.es/aportaaberta) e nas redes sociais da concellería.

A %d blogueros les gusta esto: