coruna 17th enero 2018

O Concello acometerá obras de rehabilitación nos centros cívicos dos Mallos, San Diego e Santa Lucía tras os traballos de mantemento desenvolvidos en diversos equipamentos da rede municipal

by Victor Lamela

A Concellería de Xustiza Social e Coidados ten previsto realizar unha serie de obras de rehabilitación na rede de centros cívicos municipais, e que se suman aos traballos de mantemento desenvolvidos nos últimos meses para mellorar as súas condicións. Deste xeito, e como indica a concelleira desta área, Silvia Cameán, o Concello prevé investir nos próximos meses preto de 200.000 euros nestas actuacións, que terán como obxecto acondicionar os centros de Santa Lucía –en Fernández Latorre–, Os Mallos e San Diego. Neste último, e segundo indica a responsable municipal, están previstas dúas intervencións, unha para reparación de canalóns e baixantes –orzamentada en 18.000 euros– e unha segunda para independizar a calefacción –cun importe de licitación de 72.608 euros–, que xa está adxudicada. No centro cívico dos Mallos, os traballos previstos, e que foron adxudicados por 12.705 euros, servirán para evitar as filtracións de auga e se iniciarán, segundo adianta Cameán, “tan pronto como as condicións meteorolóxicas o permitan”. En canto á obra no equipamento de Santa Lucía, a concelleira lembra que as obras de mantemento realizadas nos últimos anos “foron deficientes respecto ás necesidades da infraestrutura”, polo que se someterá a traballos de rehabilitación, unha vez que se resolva a licitación, que se abriu por un importe de 86.253 euros.

A estas intervencións súmanse as actuacións de mantemento, reparación e reposición de materiais realizadas no pasado exercicio, ás que o goberno local destinou un total de 98.062,65 euros. Entre elas, inclúense a desenvolvida no centro cívico de Eirís, que supuxo o arranxo das albardillas e o selado das ventás, por importe de 3.037 euros. De igual xeito, no centro cívico de Monelos, procedeuse á reparación e acondicionamento do chan do ximnasio, unha actuación que rondou os 4.000 euros, mentres que no equipamento cívico de Palavea reparouse a calefacción, unha operación na que se investiron 2.977 euros.

Entre as actuacións de reposición e renovación de materiais, o pasado ano o goberno local investiu máis de 21.000 euros en subministro de mobiliario para a rede de equipamentos municipais, entre os que se inclúen tamén a Oficina Municipal de Dependencia, o centro Abeiro ou os pisos de emerxencia social, co obxectivo de “mellorar a calidade dos servizos que se ofrecen ás usuarias e usuarios dos centros, e favorecer a creación de espazos máis confortables e amables para veciñanza”, sinala Cameán. Entre as melloras acadadas no exercicio de 2017, sitúanse a compra de biombos, cadeiras e butacas para o centro cívico dos Mallos, cun importe de 5.713 euros, a instalación de estores no centro da Silva –por valor de 3.383 euros–, novas mesas para o equipamento de Artesáns –unha actuación á que se destinaron 2.857 euros–, ou a compra de taquillas para o centro de Monte Alto, que supuxo un investimento de 1.271 euros. Durante 2017, tamén se ampliou o subministro de biombos en Novoboandanza –611 euros–, colocouse un termo eléctro no equipamento de San Pedro de Visma –679 euros– e unha campaña de cociña en Elviña –319 euros–, e ampliouse o número de cadeiras no centro cívico de Monte Alto e no UAS de Catro Camiños –479 euros–.

“De cara a este ano, a Concellería de Xustiza Social e Coidados seguirá comprometida co mantemento e impulso das infraestruturas que dela dependen, como é o caso dos centros educativos, os pisos de emerxencia social ou da propia rede de centros cívicos municipais, espazos socioculturais de referencia na vida dos barrios”, afirmou Silvia Cameán.

A %d blogueros les gusta esto: