Uncategorised 8th abril 2018

O Concello acorda con Unión Fenosa Distribución a entrega das infraestruturas eléctricas executadas no Ofimático que permitirán dar subministración ao barrio

by Victor Lamela

​A Concellería de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda trasladará o vindeiro luns a unha Xunta de Goberno Local extraordinaria dous convenios entre o Concello e Unión Fenosa Distribución relativos ao soterramento das liñas aéreas de media e baixa tensión existentes no Parque Ofimático. Os documentos rexen a entrega, por parte do Concello, das infraestruturas realizadas dentro das obras de urbanización do Ofimático á distribuidora eléctrica e a cesión do uso do dominio público polo que discorren as instalacións eléctricas, un trámite necesario para dar subministración ao barrio. “É un paso importante, porque supón o paso previo para que Fenosa poida solicitar á Consellería de Industria a alta na subministración”, salienta o concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela, quen indica que as negociacións coa compañía prolongáronse durante as últimas semanas e lograron pecharse nos últimos días. Tal e como expón o responsable municipal, a próxima sinatura dos convenios, é “unha boa noticia e un paso máis” para que as vivendas xa executadas no Ofimático poidan ter electricidade, unha condición indispensable para a concesión das licenzas de primeira ocupación que permitirán aos veciños e veciñas entrar a vivir nas súas casas. Neste sentido, Varela sinala que a próxima sinatura xa lles foi comunicada aos e ás representantes dos e das cooperativistas nas últimas horas.

Segundo se establece no texto dos acordos, Fenosa será a encargada da conservación, mantemento, reparación e mellora e da explotación das instalacións que fosen precisas “para o correcto subministro de enerxía eléctrica”, toda vez que o Concello xa executou as infraestruturas necesarias, “as cales cumpren as condicións para o seu correcto funcionamento”. As obras de soterramento, segundo fai notar o responsable municipal, xa están executadas, de xeito que o que resta agora é retirar as torretas que sostiñan o tendido aéreo. En canto ás obras de urbanización que realiza o Concello neste sector, o edil de Rexeneración Urbana salienta que xa se atopan moi avanzadas, a falta da retirada das tres estruturas eléctricas –unha actuación que corresponde a Fenosa– e do pintado da sinalización horizontal, uns traballos que o Concello realizará en canto as condicións climatolóxicas o permitan. Posteriormente, os servizos municipais poderán urbanizar as zonas onde hoxe se asentan as torretas.

Licenzas

Por outra banda, o concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela, trasladou hoxe á Xunta de Goberno Local, na súa sesión ordinaria, o informe relativo ás licenzas e demais títulos habilitantes tramitados desde a súa área entre os días 21 de marzo e 3 de abril, en cumprimento co compromiso adquirido polo equipo de Goberno tras a entrada en vigor da delegación no titular desta área da resolución das solicitudes de licenza cuxo orzamento de execución material sexa inferior a 1,2 millóns de euros. Segundo se recolle no documento, a concellería resolveu nese período un total de 138 expedientes, dos cales 19 correspóndense con licenzas urbanísticas, 71 con comunicacións previas ao inicio de obras, 43 comunicacións previas tramitadas en relación ao inicio de actividades ou apertura de establecemento e 5 a outros expedientes, dúas delas a caducidades de licenzas.

A %d blogueros les gusta esto: