coruna 10/01/2016

O Concello activa un dispositivo especial de mobilidade por mor da I Carreira Popular de Matogrande que se celebra este domingo

by Victor Lamela

O Concello da Coruña ten previsto poñer en marcha hoxe domingo un dispositivo especial de mobilidade co gallo da I Carreira Popular de Matogrande. A proba afectará ao barrio desde ás 10.00 horas ata as 13.30 horas. A saída e meta do percorrido sitúase na rúa Sebastián Martínez Risco, á altura do Colexio Liceo La Paz.

Durante a celebración das carreiras nas súas diferentes categorías, e nas rúas do percorrido, prohibirase a saída dos garaxes, estando permitida nos tempos entre probas. Nalgunhas zonas suprimirase o estacionamento e noutras prohibirase desaparcar. A circulación de vehículos pola rúa Sebastián Martínez Risco cortarase ás 07.30 horas do domingo, para permitir a colocación dos elementos da meta. O desvío de vehículos comezará ás 09.30 horas.

A carreira absoluta desenvolverase pola rede viaria da universidade, o que implicará o corte do carril de acceso de Pocomaco cara Alfonso Molina no sentido saída da cidade (obrigando a facer cambio de sentido en Ponta da Pedra), manténdose operativa a glorieta de Pocomaco ­Alfonso Molina. Este corte levarase a cabo entre ás 10.15 e ás 11.15 horas.

En todo momento manterase o acceso ao Hotel Attica 21 e ao aparcadoiro da praza do Eroski dende a entrada do hotel.

Por primeira vez Matogrande celebrará a súa propia Carreira Popular. Nela, está previsto que participen un total de 1.750 deportistas populares, de todas as cidades. Os e as integrantes da categoría absoluta percorrerán o barrio, achegándose á Avenida da Vedra e ao Campus Universitario de Elviña.

A %d blogueros les gusta esto: