coruna 09/01/2016

O Concello adxudica o programa para enviar a estudantes de ciclos medios da cidade a facer prácticas laborais en varios países de Europa

by Victor Lamela

Concello da Coruña vén de adxudicar o programa Bolsas Europa FP­Proxecto Acoreuropa IV, que permitirá que 50 titulados de ciclos medios de FP poidan facer prácticas de tres meses de duración en empresas de Reino Unido, Irlanda, Italia, Austria Porutal, e Polonia. A Concellería de Xustiza Social e Coidados, dirixida por Silvia Cameán, é a encargada de desenvolver este proxecto a través do Servizo Municipal de Educación.”Este Concello aposta pola ilusión da xuventude no seu futuro e acaba de adxudicar o contrato que xestionará este Proxecto Acoreuropa que consiste na realización de prácticas en empresas do estranxeiro, algo que vemos moi beneficioso, tamén para a inmersión lingüística”, comentou a responsable municipal.

O programa vai dirixido a titulados en ciclos medios de FP y desenvolverase, ata xuño de 2017, en dúas convocatorias. A primeira, para 30 participantes, está encamiñada a estudantes que remataron os seus estudos de ciclos medios de FP en xuño de 2015 ou que vaian a rematar en decembro deste ano. A segunda convocatoria, de 20 prazas, está reservada para estudantes que titulen en xuño deste ano.

O alumnado aceptado para a primeira convocatoria realizará prácticas de marzo a maio deste ano, mentres que os e as estudantes da segunda convocatoria estarán nos destinos asignados entre outubro e decembro. Para a escolla do alumnado teranse en conta as cualificacións obtidas nos estudos, a valoración que faga o centro de cada solicitante e o resultado dunha entrevista persoal que se fará a través dunha Comisión de Valoración no que estarán representados o Servizo Municipal de Educación e os centros educativos participantes. O coñecemento de idiomas estranxeiros tamén se terá en conta, pero non é requisito imprescindible. A inscrición correspondente a segunda convocatoria poderá realizarse, a partir do mes de xullo, a través da web educativa do Concello, www.edu.coruna.es.

As 50 bolsas distribúense da seguinte maneira: 7 prazas para Reino Unido (Portsmouth ­­Inglaterra­­ ou Belfast ­­Irlanda do Norte­­); 8 para Irlanda (Cork ou Dublin); 15 para Italia (Roma e Florencia); 5 para Austria (Viena); 10 para Portugal (Lisboa) e 5 para Polonia (Cracovia).

As bolsas inclúen todos os gastos, xa que cobren as viaxes de ida e volta, o aloxamento e un seguro de accidentes e sanitario. Ademais, os participantes recibirán unha cantidade económica para a súa manutención e estadía, que oscilará entre os 600 e os 1.000 euros dependendo do país de destino. O Concello tamén se encarga de organizar as viaxes, os aloxamentos para os participantes e a busca de empresas onde facer as prácticas.

A %d blogueros les gusta esto: