coruna 14/01/2016

O Concello aforrará 1,6 millóns de euros en convenios de promoción con compañías aéreas este ano, no que Alvedro aumentará un 5% o seu número total de asentos

by Victor Lamela

O concelleiro de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, presentou esta mañá as liñas básicas do acordo promocional establecido entre o Concello, o Consorcio de Turismo da Coruña e a compañía aérea Vueling, co que se consegue un aforro de 1,6 millóns de euros con respecto ao investido o ano anterior en convenios deste tipo para o aeroporto de Alvedro. Ao mesmo tempo, tamén se rebaixa en 100.000 euros a cifra total do acordo de promoción coa citada firma aérea con respecto ao acadado o pasado ano. O responsable municipal indicou que “os cartos aforrados se empregarán en afondar na promoción turística da cidade como destino”. Á vez, destacou que este exercicio o aeródromo da Coruña “aumentará un 5% os seus asentos ofertados”.

unnamed

Lema tamén anunciou que este ano a compañía Vueling comprometeuse a poñer en marcha “a solicitada terceira frecuencia a Barcelona”. “É unha frecuencia que non estará operativa os sete días da semana pero que se lle achegará moito, xa que se acadarán os 17 voos á semana”, explicou o concelleiro, que indicou que o aumento de frecuencias neste destino irá incrementándose progresivamente. “Na tempada alta acadaranse os 17 voos semanais, que posteriormente se manterán durante todo o ano”, indicou.

Por outro lado, a conexión de Alvedro con Londres (Heathrow) permanecerá como até o de agora, cun enlace semanal. “Para nós é unha liña fundamental que conta cunha ocupación alta e que nos permite contar cunha saída internacional directa sen ter que pasar por Madrid ou Barcelona”, indicou. O enlace con Sevilla tamén se manterá, coas mesmas características que o ano pasado, así como a de Valencia. Esta última “é unha ruta na que temos postas moitas esperanzas”. “Entendemos que encaixa perfectamente no deseño estratéxico que fixemos do mapa de voos para A Coruña e que entronca co noso deseño de rutas, conectando á cidade con varios destinos punteiros do Estado español”, comentou.

O enlace con Bilbao pasará a ter dúas frecuencias semanais. Lema indicou que “por necesidades estratéxicas, esta é unha ruta que desexamos manter”. Ademais, salientou que se chegou a un acordo con Santiago polo que Lavacolla “non competirá por este enlace coa Coruña”.

Con respecto ás illas, Alvedro manterá conexións con Tenerife e As Palmas dunha frecuencia semanal. “A implantación destas liñas comenzará na tempada alta, contra abril/maio. No caso de Tenerife manterase até final de ano e no das Palmas, unha vez pasada a época de maior demanda, permanecerá en base á ocupación que teña, segundo nos indicou Vueling”, dixo o concelleiro.

O responsable de Emprego e Economía Social quixo destacar que este ano o Concello tan só estableceu convenios de promoción coa compañía Vueling, mentres que o pasado ano tamén as tiña con Air Europa e Iberia. “Isto non significa, para nada, que deixen de operar na Coruña, só que entendemos que os voos que se promocionen deben ser aqueles polos que queramos apostar estratexicamente, non polas rutas que xa están asentadas e contan cunha altísima demanda”, indicou. “O ano pasado, e despois dunha renegociación, acabamos a tempada con convenios con Vueling, Iberia e Air Europa por valor de 3 millóns de euros, mentres que agora manteremos o acordo, unicamente con Vueling por 1,4 millóns. A cantidade que se aforra destinarase, non obstante, á promoción turística da Coruña”, salientou.

Lema destacou que, non obstante, o Concello “continúa a traballar e a estudar a posibilidade de acordar novos convenios que poidan atraer á Alvedro novos destinos internacionais ou compañías de baixo custe. “Por outro lado, dende o Goberno local aínda estamos á espera de que a Xunta de Galicia nos achegue as prometidas propostas de coordinación de rutas aéreas. O mapa de rutas que se nos prometeu en decembro, exactamente”, engadiu. “Prometéusenos en decembro. Entendemos que as lóxicas electorais non deben impedir que cada quen faga o que lle compete, xa que hai tempo que levamos reclamando este documento”, dixo, á vez que insistiu na “boa vontade da Coruña” na coordinación de rutas co resto de terminais galegas.

A %d blogueros les gusta esto: