coruna 12/02/2016

O Concello asumirá as actuacións “de urxencia” para reparar as filtracións no CEIP María Barbeiro e esixirá á Xunta que asuma a súa competencia e substitúa as cubertas do colexio

by Victor Lamela

A concelleira de Xustiza Social e Coidados, Silvia Cameán, cuxo departamento ten tamén competencias en materia de Educación, acudiu na mañá deste xoves o CEIP María Barbeiro, no Ventorrillo, para comprobar o estado no que se atopan as cubertas do centro, ante a alerta de filtracións no interior do centro das que avisou hoxe o equipo directivo. Á vista das goteiras e humidades, a responsable municipal comprometeuse coa directiva do centro a realizar á maior brevidade posible “as reparacións de urxencia” que precisa o colexio, e a requirir á Xunta para que asuma os traballos para a substitución desta e outra cuberta, toda vez que o Concello ten en licitación o arranxo dunha terceira –o centro escolar componse de tres edificios máis un pavillón– e que “é a administración autonómica a que ten a competencia nesta materia”.

“O Concello vai facer o que lle corresponde, pero tamén vai esixir á Xunta que faga o que lle toca”, incidiu Cameán, quen adiantou que o Goberno local xa se puxo en contacto co servizo de mantemento, que mañá mesmo acudirá ao centro para iniciar as comprobacións previas para realizar os traballos. As reparacións, apuntou, comezaranse “tan pronto sexa posible tecnicamente”, aínda que precisou que é necesario que pare de chover para poder acometelas. Con todo, a concelleira fixo notar que esta é unha solución momentánea, polo que urxe ao Goberno autonómico a substituír as cubertas, dada a súa antigüidade e o grao de deterioro no que se atopan. “Trátase de pequenas actuacións para evitar que siga entrando auga, pero o que non pode o Concello é asumiu obra maior, porque esa é competencia da Xunta”, expuxo a concelleira, quen anunciou que o Goberno coruñés vén de solicitar unha xuntanza co conselleiro de Educación para abordar os problemas deste colexio e esixir que se leven a cabo estas obras.

Desde o inicio do presente curso escolar, fai notar a responsable municipal de Educación, o Concello leva acometido máis de 40 actuacións no María Barbeito desde o inicio deste curso escolar, moitas delas dirixidas a reparar pingueiras e filtracións, entre reparacións de fontanería e albanelería ou limpeza de canalóns, entre outros traballos.

A %d blogueros les gusta esto: