coruna 15/10/2015

O Concello avanza no Plan de Acceso á Vivenda Digna, un programa transversal que implica a seis concellerías e que conta coa colaboración das persoas dos asentamentos precarios

by Victor Lamela

O Concello ten xa avanzado o borrador do Plan Municipal de Acceso á Vivenda Digna para os e as habitantes dos asentamentos precarios do municipio, que se teñen identificado, concretamente, no Portiño, A Pasaxe e As Rañas. Trátase dun programa transversal no que traballan desde hai meses seis concellerías, como son a de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, a de Xustiza Social e Coidados, Igualdade e Diversidade, Participación e Innovación Democrática, Medio Ambiente e Emprego e Economía Social, para abordar unha situación que afecta a máis de 500 persoas na cidade. “Temos aquí o problema humanitario máis grave da cidade, centos de persoas vivindo en situación extrema, no lixo no peor dos casos”, destaca o concelleiro Xiao Varela, responsable da área de Dereito á Vivenda, quen indica que a atención a esta situación é unha das primeiras liñas de acción de Goberno coruñés.

O documento, que está en avanzada fase de borrador, incide no feito de que no caso dos asentamentos “é necesario traballar simultaneamente tanto no ámbito social como no habitacional” para dar resposta a unha situación de vulnerabilidade social. “Trátase de recuperar a inserción social a partir dunha intervención integral que terá como obxectivo recuperar todos os dereitos vulnerados”, sinala o texto. Deste xeito, o documento avoga por unha “visión interdisciplinar” e un traballo “continuo e prolongado no tempo”, que abordará cuestións como a habitabilidade e salubridade, pero tamén medidas dirixidas mellorar a empregabilidade e a inserción laboral das persoas que residen nos asentamentos, e outras liñas que teñen que ver coa participación cotiá e o benestar dos e das residentes, para “enfrontar as diversas barreiras que sofren á hora de participar nas súas diferentes ocupacións e nos distintos contextos da sociedade”.

No ámbito da economía e a empregabilidade, o Concello aposta por “cambiar os hábitos”. Ademais, o Goberno local comprométese a mellorar os servizos que ofrecen empresas externas, Emvsa e as distintas entidades sociais, así como a organizar os recursos sociais de cada área do Executivo de cara a favorecer a inclusión social dos habitantes dos asentamentos precarios. “Ao transformar unha situación de precariedade nunha estratexia integrada de desenvolvemento urbano sostible habería posibilidade de optar a fondos europeos FEDER”, apunta o borrador.

Outra das iniciativas que manexa o Concello é que Emvsa, (Empresa Municipal de Vivendas, Servizos e Actividades) “se constitúa como unha ferramenta de traballo fundamental para este asunto”. En concreto, a posición do Concello pasa por favorecer “a adquisición e o aluguer de vivenda por parte de Emvsa, sempre municipal, con flexibilidade para adaptar as condicións de uso das vivendas ás posibilidades económicas destas persoas”.

O Plan do Concello aborda ademais unha serie de retos, o primeiro, a “falta de conexión coa cidade” que presentan estes asentamentos. Unha solución pasaría por buscar a inclusión social dalgúns destes habitantes en distintas localizacións. Igualmente, tamén se está intentando promover actividades de salubridade nos asentamentos, como medida de emerxencia humanitaria, enfocado tamén ao empoderamento dos propios veciños e veciñas destas zonas. A recuperación medioambiental dos espazos comunitarios destas zonas, así como a minimización de riscos para a saúde (desratización, prevención contra incendios, colocación de papeleiras, puntos limpos) é outro dos obxectivos. O proxecto en marcha insiste na necesidade de que tanto dende os poderes públicos como dende a cidadanía en xeral se traballe polo dereito a un hábitat digno.

Entre os obxectivos do Concello inclúense tamén liñas de traballo dirixidas a mellorar a escolarización, a participación e o rendemento escolar dos e das menores que residen nos asentamentos, así como acabar cos casos de absentismo.

Unha vez estea rematado o borrador, o documento pasará polas concellerías implicadas para a súa validación e será trasladado ás persoas afectadas por esta problemática para que poidan colaborar, antes da súa redacción final. “O Concello está a contar en todo momento cos propios habitantes destes asentamentos, para que todo o traballo que se realice se organice en colaboración con eles”, salienta Varela, quen destaca tamén o “compromiso firme” do Goberno local para achegar os recursos económicos necesarios.

Segundo os estudos levados a cabo polo Concello, a cidade da Coruña atópase á cabeza das urbes galegas con máis persoas habitando nesta situación. En concreto, nos asentamentos precarios que existen nas zonas da Pasaxe, As Rañas e O Portiño viven unas 511 persoas, 141 delas menores. “As medidas de erradicación do chabolismo que se implementaron na Coruña nos últimos 40 anos non só non deron unha solución a esta problemática, senón que se traduciron nun maior aumento da dependencia e nunha inmersión cada vez máis grande no círculo da exclusión social”, menciónase no borrador do plan que prepara o Concello.

A %d blogueros les gusta esto: