coruna 26th junio 2018

O Concello avanza no plan de revitalización da Cidade Vella coa mellora da rúa Maestranza, unha actuación destinada a incrementar a seguridade e accesibilidade

by Victor Lamela

​O Goberno local acompañará a peonalización da Cidade Vella, efectiva con outras medidas contempladas no plan de revitalización da zona, algunhas das cales comezarán a executarse este verán. “Non hai marcha atrás no proceso, no que hai un consenso amplísimo. Era unha anomalía que a Cidade Vella tivera vehículos aparcados. Levamos moitos anos agardando por unha medida que non era doada, pero que se conseguiu hoxe. O que vén agora é un plan de dinamización que vai abarcar todas as áreas, non só mobilidade, senón tamén aspectos como o comercial ou o cultural. Todo a través dun proceso moi participado”, valorou o alcalde, Xulio Ferreiro, esta mañá no transcurso dun programa informativo. A primeira destas medidas será a repavimentación con lousa de pedra na rúa da Maestranza, entre Isabel Zendal e Julio Portela Ceballos, cunha actuación que consiste na ampliación de beirarrúas, con novo enlousado, que comezará nas próximas semanas. Esta obra, reclamada pola comunidade escolar e que incrementará a accesibilidade e a seguridade na parte traseira do colexio Dominicos e no Paraninfo, ten un orzamento de 190.000 euros e estará rematada en setembro, a tempo para o inicio do curso escolar.

Como avanzou o rexedor, tamén se comezará a traballar este verán para reordenar as terrazas do casco histórico coa presentación “no mes de xullo dunha proposta técnica á Mesa Cidadá da Cidade Vella”. “Facemos esta proposta tendo como aval o traballo que realizamos na zona de Pescaría, que ten moi bos resultados e que ninguén abordara antes de maneira seria e valente. Imos apostar por seguir cos mesmos criterios que se empregaron na zona centro, regular unha instalación de terrazas, que garanta o dereito da cidadanía á accesibilidade e á asistencia sanitaria de urxencia. Aínda que nesta zona non hai a mesma concentración de hostalaría tamén temos que compatibilizar os usos”, apostou Ferreiro. Neste sentido, o alcalde considerou que A Coruña debe ter un “modelo propio de peonalización” pero tamén “aproveitar a experiencia doutras cidades e ir dando pasos para evitar algunhas inconveniencias”, como poden ser unha excesiva turistificación que expulse á veciñanza. “Non temos risco de que isto suceda a curto prazo, pero temos que poñer as bases para que non pase a longo, polo que modificamos as axudas á rehabilitación que duplican as contías na zona Pepri, para propietarios e propietarias e comerciantes, e introduce criterios de renda para axudar a asentar a poboación e evitar a xentrificación do barrio”, lembrou.

Primeiro día sen coches

Ferreiro avaliou como “bastante positiva” a primeira xornada libre de vehículos da Cidade Vella, que terá “un período de adaptación duns días”. “Hoxe quedaban algúns coches aparcados, pero a Policía Local está falando cos veciños e as veciñas para que os retiren.Temos fixado un proceso de adaptación, que vai ser breve, para non ter que recorrer a sancións”, apuntou o rexedor. O Goberno local apostou por un modelo brando de control, sen barreiras e no que a Policía Local será a encargada de supervisar que non haxa estacionamentos nas rúas, “para minimizar as molestas á cidadanía”, tal e como explicou o concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela. “Queremos unha Cidade Vella activa, viva e conectada coa cidade e para iso é fundamental que os veciños e as veciñas non vexan a peonalización como unha molestia. O barrio é fin de traxecto, non unha zona de paso, así que consideramos que abonda co control”, apuntou. Varela fixo tamén un chamamento á colaboración da cidadanía, á que pediu que estivese atenta á nova sinalización. As persoas residentes no casco histórico recibiron a pasada semana unha carta con información sobre o proceso e contan tamén cun teléfono para informarse.

A %d blogueros les gusta esto: