Ayuntamiento 01/03/2019

O Concello capta outros catro millóns de euros de fondos europeos, cos que desenvolverá un plan para instalar sensores intelixentes que melloren a eficiencia de 213 edificios públicos

by Victor Lamela

O Concello da Coruña conseguiu captar outros catro millóns de euros de fondos europeos dentro da convocatoria estatal de axudas do Plan Nacional de Territorios Inteligentes que xestiona a entidade pública red.es e que se cofinancia cos Fondos Europeos de Desenvolvemento Recional (FEDER) dentro do programa operativo plurirrexional de España 2014-2020. Estes fondos servirán para financiar nun 80% o proxecto municipal Conecta Coruña (que ten un orzamento global estimado de 5 millóns de euros), que contempla instalar sistemas intelixentes en 213 edificios, maioritariamente públicos, da cidade que permitan mellorar a súa xestión e achegar novos servizos á cidadanía. Así o anunciou este xoves o alcalde, Xulio Ferreiro, que salientou que o goberno local “evidencia, unha vez neste mandato, a súa capacidade para conseguir fondos doutras administracións a través das súas políticas innovadoras, mediante as que logrou xa sumar axudas por valor de case 25 millóns”.

Dos oito concellos seleccionados por red.es, a proposta da Coruña foi o que recibiu a segunda mellor puntuación por parte da comisión de avaliación da convocatoria, só superado por Sevilla, e por diante de Valencia, Málaga, Vigo, L ́Hospitalet, Terrassa e Móstoles. O proxecto coruñés recolle diferentes propostas a aplicar nos edificios públicos mediante as que se poden aplicar sistemas de control e xestión integral e automatizada estruturadas en torno a cinco eixes:

mobilidade, auga, ambiente, enerxía e seguridade.

A posta en marcha do proxecto permitirá, segundo explicou o alcalde, “aumentar a eficiencia enerxética dos edificios e conseguir un aforro significativo do consumo, na liña da estratexia contra o cambio climático que segue o goberno local, ademais de facilitar unha coordinación intermodal entre os nodos de comunicacións como son o aeroporto, porto, estación de autobuses e a de tren, e aplicar un sistema de alerta temperá de incidencias”.

Durante a fase de planificación do proxecto, o executivo municipal realizou reunións de contacto con diversas administración e entidades para trasladarlles as posibilidades e as aplicacións reais que pode ter esta tecnoloxía e co obxectivo de poder sumar ao maior número de inmobles na convocatoria. Así, o proxecto inclúe 213 edificios da cidade entre os que se contan edificios de titularidade municipal (148), estatal (9) dos ministerios de Fomento e Defensa, da Universidade da Coruña, autonómicos pertencentes á Consellería de Vicepresidencia e da Deputación provincial, así como da Cruz Roja Española e un hospital privado da cidade. Para cada un deles está previsto aplicar, polo menos, un dos casos de uso desenvolvidos na iniciativa, para os que se contou coa colaboración do Centro de investigación de tecnoloxías da edificación e da enxeñería civil, o Centro de investigación de tecnoloxías da información e da comunicación e o Colexio oficial de enxeñeiros de telecomunicación. Estes se concretan no control de aforos, a planificación da mobilidade entre os nodos de comunicación da cidade –porto, aeroporto, estación de autobuses e de ferrocarril–, monitorización e optimización do consumo de auga, control da contaminación por gas radón, iluminación intelixente e sistema de evacuación intelixente e centralizado.

A Concellería de Rexeneración definiu o proxecto en base tamén ás achegas cidadás que se recolleron mediante un cuestionario online, seguindo o rumbo marcado polo goberno local de involucrar á veciñanza nos procesos municipais. Os resultados desta enquisa, que están incorporados no proxecto, reflicten as preferencias dos veciños e das veciñas polos diferentes usos propostos e que se concentran na detección do gas radón, seguidos polos relacionados coa mobilidade e a eficiencia enerxética.

Captación de fondos externos

Dende 2015, o actual goberno local conseguiu, a través de convocatorias públicas e en base a proxectos baseados en políticas públicas innovadoras, captar preto de 25 millóns de euros para a cidade. O primeiro edil salientou que o volume de fondos conseguidos no mandato “dá mostra de A Coruña está a ser punteira na aposta polas políticas baseadas na innovación”.

Ademais dos preto de 4 millóns de euros dos que o Concello vén de resultar adxudicatario, o actual goberno local tamén conseguiu neste mandato 15 millóns a través da convocatoria de axudas para o desenvolvemento de Estratexias de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado (fondos Eidus) que están cofinanciadas ​nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do eixe de desenvolvemento urbano do Programa Operativo Plurirrexional de España (POPE) 2014-2020​. Á cantidade resultante hai que sumarlle tamén a concesión de 4,4 millóns de euros do Fondo Social Europeo destinados a desenvolver o proxecto Coruña Suma, centrado na formación de colectivos con dificultades de acceso ao mercado laboral.

Por outro lado, A Coruña participa tamén en varios proxectos en rede compartidos tanto con entidades como con cidades estatais e europeas. É o caso, por exemplo, de proxectos como ‘Plataforma de Goberno Aberto, Colaborativa e Interoperable’, proposta de A Coruña, Santiago, Zaragoza e Madrid e gañadora de 2 millóns de euros no programa ‘Ciudades Inteligentes de la agenda digital para España’, o programa Connecting Nature, que dispón de 11 millóns de fondos europeos dos que A Coruña recibe 320.000 euros, ou a partida de case 200.000 euros procedentes da convocatoria de axudas do programa de cooperación interrexional POCTEP para España e Portugal, centrado no fomento das industrias culturais e creativas.

A %d blogueros les gusta esto: