coruna 14/05/2016

O Concello celebra o centenario das Irmandades da Fala, “base da reivindicación da lingua e soporte da cultura galega”, cun acto aberto á cidadanía o 18 de maio no Teatro Rosalía Castro

by Victor Lamela

O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, presentou no Pazo de María Pita o acto de conmemoración do centenario do nacemento das Irmandades da Fala, “un xesto que entendemos como fundamental polo que este movemento representa para a cidade da Coruña”. O edil lembrou que o 18 de maio de 1916, Antón Vilar Ponte convocaba no local que a Real Academia Galega tiña na rúa Rego de Auga a primeira xuntanza do colectivo “no sentido que tiña, non só reivindicación da lingua galega, senón de soporte da cultura galega, como así foi”. Cen anos despois, as Irmandades volven á mesma rúa cun acto musical e literario que terá lugar o vindeiro mércores, 18 de maio, no Teatro Rosalía Castro. Será un evento aberto a cidadanía, no que participarán catro coros históricos fundados naquela época e figuras destacadas do sector cultural galego, que lerán textos escritos por Castelao, Antón Vilar Ponte, Ramón Cabanillas ou Vicente Risco.

unnamed

O acto, de entrada libre e gratuíta ata completar a capacidade do teatro municipal, comezará ás 21.00 horas, malia que a apertura de portas será unha hora antes. O Concello colaborou “estreitamente”, sinalou Sande, na organización da conmemoración da efeméride coa Real Academia Galega (RAG). O secretario da institución, Henrique Monteagudo, saudou na presentación a participación das catro corais galegas históricas, dada a “importancia” da música nese momento para as Irmandades, “para a dinamización e dignificación da lingua galega e a popularización dos seus obxectivos”. A coruñesa Cántigas da Terra, que este ano tamén cumpre cen anos, o Real Coro Toxos e Froles de Ferrol (1914), a Coral de Ruada de Ourende (1918) e a agrupación Cantigas e Agarimos (1921), serán as responsables da parte musical do evento. A escritora Estíbaliz Espinosa moderará unha homenaxe na que tamén participarán membros da RAG coma Fina Casalderrey e Manuel Rivas, a profesora e integrante da Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica Carmen García­Rodeja, a xornalista da Radio Galega Cristina Lombao, o dramaturgo Manuel Lourenzo, a actriz Isabel Risco, a estudante Orleni Mateo e Manuel Lugrís, neto de Lugrís Freire, un dos fundadores das Irmandades da Fala e membro da RAG.

Monteagudo salientou o vínculo do movemento, que “fixo da cultura e da lingua unha cuestión central”, coa cidade da Coruña, “a raíz do seu nacemento e que foi sempre, ata a súa disolución, a base máis importante das Irmandades en canto a número de afiliados e actividades”. O secretario da RAG tamén destacou as achegas do colectivo á modernización da cultura galega. “Naceu coma un movemento fundamentalmente urbano, que veu como a lingua se estaba perdendo. Situaron a cuestión da reivindicación e dignificación do idioma coma unha cuestión fundamental a través das letras, pintura, música ou publicacións como A Nosa Terra ou N ós” , concluíu.

A %d blogueros les gusta esto: