coruna 8th junio 2019

O Concello celebra o Día dos Océanos co inicio da actividade da campaña de sensibilización e participación ambiental ‘Móllate’

by Victor Lamela

​A celebración este sábado, 8 de xuño, do Día dos Océanos, marcará o inicio da cuarta edición da campaña de educación e participación ambiental Móllate,unha iniciativa impulsada pola Concellería de Medio Ambiente co obxectivo de sensibilizar á veciñanza, en especial á xente máis nova, sobre a redución de residuos, en especial plásticos, durante o San Xoán. Tal e como destaca a edil María García, a noite meiga é o evento de maior impacto ambiental que se celebra na cidade, polo que considera fundamental “afondar nunha liña de traballo a prol da sustentabilidade que implica á veciñanza e, particularmente, á xente moza”. “A redución desde 2015 nun 45% do lixo nas praias durante o San Xoán é algo do que nos temos que sentir orgullosas e orgullosos, é un dato efectivo que dá conta dunha acción política dirixida a avanzar cara a unha cidade máis sostible e comprometida, que loita desde o local, coa implicación veciñal, contra un feito global como é a contaminación e o cambio climático”, expón García.

Así, coincidindo coa efeméride ambiental, a área de Medio Ambiente iniciará nesta xornada unha serie de iniciativas para dar a coñecer a nova edición da campaña. A primeira das accións tivo lugar nesta xornada, coa colocación, no Pazo de María Pita, de dúas lonas de ​Móllate​. Ademais, hoxe realizarase unha batucada da man da agrupación Kilomberos de Monte Alto na que, dun xeito festivo, se denunciará o uso excesivo de plásticos que, finalmente, rematan no mar. A iniciativa, aberta á cidadanía, terá lugar ás 18.00 horas xunto á fonte dos surfistas do Paseo Marítimo, e contará coa asistencia do alumnado de todos os centros educativos implicados nesta edición de ​Móllate.​ As e os participantes contarán con disfraces de plástico e instrumentos deste material reciclado.

Nos vindeiros días o Concello e o alumnado que participa en ​Móllate iniciará novas accións de sensibilización no marco da campaña. Para máis información sobre a mesma, pódese visitar o web ​http://mollate.coruna.gal

A %d blogueros les gusta esto: