Home » coruna » Currently Reading:

O Concello celebra que o Parlamento respalde ao goberno municipal da Coruña e pida de maneira unánime a condonación da débeda do Porto e a constitución dun ente público para a xestión do bordo litoral da cidade

septiembre 13, 2018 coruna No Comments

​O Parlamento Galego vén de aprobar, coa unanimidade de todos os grupos, unha Proposición non de lei que, no mesmo sentido que se manifestou o Pleno da Corporación municipal esta semana a través dunha moción impulsada pola Marea Atlántica, pide ao Goberno do Estado a condonación da débeda da Autoridade Portuaria da Coruña (APAC) ou a aplicación de medidas que teñan o mesmo resultado, así como a constitución dun ente público no que participen todas as administracións e entidades relacionadas para afondar na xestión, dunha maneira participada, da recuperación do bordo litoral da cidade. “Os catro grupos parlamentarios coinciden así en apoiar a reclamación do Goberno local, que defende que a cidadanía da Coruña reciba un trato similar ao que o Estado dá a Valencia mediante a aprobación dunha medida análoga que elimine a débeda da Autoridade Portuaria da ecuación e permita que non se utilice esa situación para especular cos terreos da fachada atlántica da cidade que quedarán liberados co traslado do porto a Punta Langosteira”, analizou o concelleiro de Rexeneración Urbana e representante do Concello no Consello da APAC, Xiao Varela, que resaltou tamén o feito de que o Partido Socialista no Parlamento votase a favor da proposición non de lei “mentres que se opuxo á aprobación dunha iniciativa moi similar no esencial esta mesma semana no Concello”. “Alegrámonos de que o Partido Socialista de Galicia e o BNG saiban ver a necesidade dunha postura conxunta ao respecto para trasladar ao Estado unha reclamación unánime. Todos os partidos e administracións vanse sumando pouco a pouco á postura do Goberno local da Coruña, por unhas ou outras razóns, polo que esperamos que agora tamén as agrupacións locais do PSOE e o BNG na cidade o acaben facendo”, apuntou.

O Pleno municipal aprobou o pasado luns –cos votos a favor de Marea Atlántica e PP, en contra do PSOE e a abstención do BNG– a moción presentada polo grupo que sustenta ao goberno local na que se insta ao executivo estatal a condonar o préstamo concedido á APAC para o financiamento das obras de Punta Langosteira, acordando para iso as medidas normativas e orzamentarias que sexan necesarias no vindeiro exercicio, ou ben a conceder unha axuda equivalente. Neste mesmo sentido se pronunciou  o Parlamento galego que pide, a iniciativa de En Marea, a condonación ou “no seu caso, conceder as conceder as axudas económicas equivalentes ou as medidas procedentes que se acorden, conducentes, en calquera caso, á amortización efectiva e global de dito préstamo”. O texto insta tamén ao Ministerio de Fomento, Puertos del Estado, a Autoridade Portuaria, ADIF, ao Concello da Coruña e á Xunta de Galicia a constituír “un ente público como forma de participación e xestión” do novo horizonte litoral da cidade. “A reclamación da condonación da débeda non ten outro obxectivo que o de defender os intereses dos e das coruñesas nesta cuestión, o que significa poder decidir sobre a transformación máis relevante que vai ter a cidade, a do seu bordo litoral, en base ao desexo da cidadanía, sen o condicionante de ter que vender eses terreos para pagar unha débeda coa que se paga o porto exterior, unha obra de interese xeral do Estado”, indicou.

O edil resaltou tamén a necesidade de anular o convenio asinado no 2004 para proceder a súa revisión e celebrou que, tamén sobre este punto “que leva defendendo o Goberno local todo o mandato”, houbera coincidencia entre todos os partidos con representación parlamentaria.

Coruñes de nacimiento, y amante de esta gran ciudad, trabajador en la industria del metal y fan de las nuevas tecnologías, gestiono webs y redes a nivel local, y pronto espero tirarme a proyectos a nivel internacional.

Puedes seguirme en las redes

 

Comment on this Article:

A %d blogueros les gusta esto: