coruna 11/01/2016

O Concello colabora na III edición do Máster en Comunicación Deportiva e convoca dúas bolsas que cobren o 50% do prezo de matrícula

by Victor Lamela

O Concello da Coruña, a través da Concellería de Culturas, Deport e Coñecemento, colabora na III edición do Máster de Comunicación Deportiva que realiza a empresa Aventi xunto coa Asociación da Prensa da Coruña. O Goberno local cede para o desenvolvemento das clases, que se iniciarán o próximo 22 de xaneiro e que se estenderán até o mes de xullo, un espazo na Casa Museo Casares Quiroga e ademais convoca dúas bolsas que cobren o 50% do prezo de matrícula. Estas prazas, subvencionadas polo Concello, deberán solicitarse á propia Aventi no teléfono 881 120 509.

O Máster en Comunicación Deportiva, para o que aínda está aberto o período de inscrición, baséase na ensinanza aos e ás alumnas de coñecementos no ámbito da comunicación deportiva, así como claves na organización e estrutura das institucións do ramo, atendendo a diversos soportes como son prensa escrita, radio, televisión e medios dixitais. Este posgrao conta ademais con bolsa de prácticas profesionais en medios, institucións e empresas deportivas e clubs.

As bolsas convocadas polo Concello están especialmente dirixidas a estudantes e persoas licenciadas en Xornalismo ou outras ramas da Comunicación, Publicidade e Relacións Públicas, INEF e Ciencias do Deporte e da Educación Física, Económicas, Empresariais ou ADE, así como traballadores e profesionais de empresas deportivas, clubs ou institucións deste tipo.

O citado máster, que se desenvolve na cidade da Coruña, é unha referencia do seu ámbito en Galicia. Máis información, na dirección web http://aventi.es/web/master­en­comunicacion­deportiva/.

A %d blogueros les gusta esto: